Skip to main content

Nautic Destination

Pico Muralla

Sobre este patrimonio

O miradoiro Pico da Muralla está situado na parroquia de Araño (Rianxo), na parte máis alta do monte da Muralla. Conta cunha altitude de 678 metros por riba do nivel do mar sobre a Ría de Arousa. Atópase situado nunha zona limítrofe entre dous concellos, Rianxo (Arousa Norte) e Lousame (comarca de Noia). O miradoiro compóñese dunha pasarela de madeira que remata nunha zona máis ancha de forma redondeada, que permite obter a sensación de estar voando por riba da paisaxe.

Pódense contemplar as vistas desde Rianxo, A Illa de Arousa, Illa de Cortegada e as Illas Cíes ata Noia e Monte Louro. Nos días despexados, pódese divisar a zona interior de Galicia con concellos como Santiago de Compostela, Teo, Padrón, Pontecesures e Valga, entre outros.

Este monte era un gran descoñecido ata que foi inaugurado este espectacular miradoiro. Ademais, durante o inverno tamén resulta interesante, xa que se pode gozar xogando coa neve, que de vez en cando se deixa ver nesta zona durante esta época do ano.

Este espazo foi inaugurado polo Conselleiro de Medio Rural, José González, o 19 de febreiro de 2020. O proxecto foi financiado con fondos do proxecto Senlleiro" de desenvolvemento rural. O acto contou tamén coa presenza para este acontecemento cos alcaldes de Lousame, Teresa Villaverde, e de Rianxo, Adolfo Muíños.

Unha das características deste miradoiro é a intensidade do vento. O aire dificulta a camiñada e, en ocasións, fai chorar os ollos, aínda que, en ningún caso, empaña a experiencia de ascender ata este lugar que parece suspendido no baleiro. Ao contrario, resulta un atractivo máis para poder visitalo e gozar do aire puro da zona.

O percorrido por este lugar está aconsellado para todo tipo de públicos: deportistas, familias con nenos, parellas de todas as idades ou grupos de mozos. O ascenso lévase a cabo por unha serpenteante e estreita estrada ata chegar ao miradoiro. Recoméndase percorrer o último treito sen asfalto a pé. Para que o viaxeiro non perda ningún detalle da xeografía da zona, instaláronse uns paneis que permiten aos visitantes identificar o que ven os seus ollos desde este enclave."

Para saber máis

O miradoiro Pico da Muralla atópase situado na cima do monte da Muralla. Está localizado ao leste do Miradoiro de Valle-Inclán, outro referente da visión e panorámica das Rías Baixas galegas. Ubícase no termo municipal de Rianxo, entre as localidades de Escabia e Bustelo, ao suroeste da península do Barbanza.

Trátase dun dos mellores miradoiros de todo o noroeste da Península Ibérica. O seu contorno é marítimo-forestal. Desde el pódense divisar todas as Rías Baixas: desde Vigo ata Muros, máis de oitenta quilómetros de costa en liña recta. A ría de Vigo percíbese ao lonxe e, máis preto, as de Pontevedra e Arousa, coas súas bateas. Este miradoiro tamén permite gozar a vista de paxaro da próxima ría de Muros e Noia, cara ao norte. Se o día está despexado, pódese ver tamén Santiago de Compostela, situado a uns 40 quilómetros cara ao interior.

Ademais, conta cun posto forestal para vixiar os montes en busca de posibles incendios. Atópase dentro dun parque eólico da compañía Iberdrola, polo que o último tramo da subida é polas pistas do parque. Para os amantes da natureza, nesta zona poden gozar da presenza de animais como cabalos e vacas salvaxes, ademais de especies alóctonas de reforestación.

A estrada que traslada aos visitantes a esta montaña é a mesma na que se localiza o Hórreo de Araño. Desde Santiago de Compostela, atópase a 43 minutos por autoestrada e estradas secundarias e a 1 hora e 7 minutos por autoestrada e estradas secundarias, desde Pontevedra.

Aínda que se recomenda a subida en coche, existe unha ruta de sendeirismo -a ruta semicircular PR-G 15 Subida ao Monte da Muralla- por se se prefire realizar a subida camiñando. Esténdese 14,3 quilómetros aproximadamente e estímase que o tempo de percorrido é de unhas 4 horas e 20 minutos. A súa sinalización está realizada de acordo coa normativa de homologación da FGM (Federación Galega de Montañismo). Este lugar é visible desde o mar realizando A Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla". Trátase dun singular itinerario marítimo e fluvial que conmemora a chegada a Galicia, por mar, do corpo do apóstolo Santiago tras o seu martirio en Xerusalén, arredor do ano 44."

Para coñecelo mellor

Na cima do Monte da Muralla, a 678 metros sobre a Ría de Arousa, atópase o Miradoiro Pico da Muralla. Un enclave no concello de Rianxo desde o que se divisan as rías Arousa, Muros e Noia e, mesmo, a de Pontevedra. Ademais, se a meteoroloxía o permite, tamén se poden ver perfectamente as Illas Cíes e Ons, ademais da Illa de Cortegada. O miradoiro Pico da Muralla está formado por unha pasarela de madeira pola que se pode pasear. No final do percorrido, pódese apreciar un efecto óptico, pois convértese nunha zona redondeada máis ancha que dá a sensación de estar voando mentres se anda sobre o camiño. A súa inauguración tivo lugar en febreiro do ano 2020 a mans do Conselleiro do Medio Rural, José González. A natureza é un dos principais atractivos desta zona, que se pode gozar a través de diversas rutas: tanto para percorrer a pé por sendeiros como en bicicleta. Trátase dunha experiencia moi divertida e interesante para toda a familia. Se estas opcións non convencen, cabe ter en conta que ao miradoiro tamén se pode acceder en coche. Rianxo é un concello costeiro situado na comarca do Barbanza, na provincia da Coruña. Esta localidade mariñeira limita coa desembocadura do río Ulla e forma a división provincial entre A Coruña e Pontevedra. O seu nome sempre estará asociado á Virxe de Guadalupe e á súa famosa canción "La Rianxeira". Divídese en seis parroquias: O Araño, Asados, Isorna, Leiro, Rianxo e Taragoña.

Localización

Localidade
Rianxo
Concello
Rianxo
Provincia
A Coruña
País
España

O ben

Tipo
Miradoiro
Eco-destino
Ría de Arousa
Contorna
Natural
Relevancia
Local

Como chegar

Acceso
Por mar Por terra
Distancia
18,4 km

A visita

Visitábel
Si
Accesible
No
Aparcadoiro
No
Sinalizado
Si

Coordenadas

Latitud
42.65038300
Longitud
-8.82199200