A sardiña Sardina pilchardus (Walbaum, 1792), tamén coñecida como parrocha ou xouba, é un peixe azul de auga salgada que vive en augas de 12 a 24 graos. Pertence á familia dos Clupeidos e é un dos grupos de peixes peláxicos máis abondosos e distribuídos por todo o mundo.
Os exemplares que se capturan oscilan nun peso de entre 50 e 200 gr e as dimensións que alcanzan adoitan ser entre 11 - 30 cm. É un peixe gregario que vive en grandes bancos de entre 15 a 50 m, capaces de formar cardumes que se moven ao unísono como defensa ante depredadores de maior tamaño que, ao ver a formación, non se atreven a atacalo. Pódese atopar tanto no litoral como na costa e é o alimento para moitos depredadores.
O seu alimento consiste en plancto, pequenos peixes, crustáceos e ovos doutras especies. É unha especie cuxa pesca está estritamente regulada pola Unión Europea. A súa carne ten un excelente sabor, aínda que é de mala conservación. Comercialízase en fresco na maior parte dos portos pesqueiros do litoral español, aínda que tamén é moi utilizada pola industria conserveira. Igualmente pode atoparse como semiconserva, seca ou salgada ou afumada.
A súa pesca realízase mediante cerco durante a noite e tamén con outro arte de pesca coñecido como o "xeito" regulada polos plans de xestión específicos. A súa captura normalmente realízase entre marzo e setembro.
A sardiña Sardina pilchardus (Walbaum, 1792) pertence ao mesmo grupo que os boqueróns e arenques. É un peixe de corpo alongado, esbelto, de sección oval (fusiforme), azulado ou verdoso no lombo, con flancos ou lombos percorridos por unha banda longitudinal azul brillante e, nalgúns casos, por unha serie de pequenas manchas, ou motas, negras detrás da cabeza.
Corpo comprimido lateralmente. Unha aleta dorsal. Escamas grandes, caedizas. Zona abdominal en quilla serrada, con escamas modificadas en escudetes. Opérculo con 4 ou 5 estrías óseas. Distribúese polas costas do Atlántico norte oriental, desde Islandia, onde é máis raro atopalas, e Mar do Norte, cara ao sur ata Bay of Goree, Senegal. Tamén no Mediterráneo, Mar de Mármara e Mar Negro.
É unha especie de rápido crecemento polo que o stock ten gran capacidade de recuperación. A súa captura realízase mediante o uso de artes de cerco e tamén se usa arrastre de fondo. En Galicia realízase cun arte de pesca chamado o "xeito" que é un tipo de rede de emalle de deriva constituída por un pano rectangular estendido entre dúas trallas, a superior, que consta dun sistema de flotación por boyas que permite o calado a profundidade variable, e a inferior que está lastrada con prumos.
En Galicia existe o dito de "por San Xoán, a sardiña molla no pan" que avisa da mellor época para comer sardiñas xa que a cantidade de graxa é idónea para asala á grella ao aire libre. A sardiña está dentro da gastronomía galega e atópanse pratos típicos como a empanada de "xoubas" e outras modalidades como sardiñas en escabeche, tamén afumada e a sardiña seca e salgada que foron modalidades consumidas antigamente en maior medida.
A sardiña común ou europea, é un peixe azul de auga salgada que pertence á familia dos Clupeidos. O corpo deste animal é alongado, con dentes pequenos e o seu lombo é de cor gris escuro, azul e prateado. O seu ventre é branco con tons prateados e as aletas son incoloras.
A sardiña asada é moi famosa na cociña galega, a súa campaña comeza o 31 de maio e están moi solicitadas o 24 de xuño, o día de San Xoán pois, tanto en Chapela como noutros municipios costeiros, tómanse para celebrar o típico día de San Xoán. Ademais, en Chapela tamén hai unha festa dedicada a este peixe, a Festa da Sardiña.
En Chapela, para pescar a sardiña, empregan dous artes de pesca: o arrastre de fondo e o cerco. O arrastre de fondo, como o seu nome indica, consiste en arrastrar unha rede de gran tamaño polo fondo do mar, así, as sardiñas quedan atrapadas na rede. Hoxe en día, esta técnica non se utiliza tanto pois pode causar danos irreparables noutros organismos situados no fondo mariño, por exemplo, nos corais. O outro arte de pesca, o cerco, supón rodear un banco de sardiñas cunha gran rede, esta rede péchase e as sardiñas quedan atrapadas no seu interior.