Museo Romano
O museo Oiasso, inaugurado en 2006, reúne os restos arqueolóxicos de época romana máis significativos que se foron recuperando na zona a través das escavacións realizadas nas últimas décadas. A investigación arqueolóxica permitiu identificar o porto e os seus almacéns, as termas, a necrópole e as explotacións mineiras do contorno.
As coleccións arqueolóxicas, nas que destacan os materiais orgánicos con obxectos traballados en coiro e madeira, falan dun asentamento urbano desenvolvido durante os primeiros séculos da nosa era grazas á actividade do seu porto, situado na ruta atlántica, e ás minas das proximidades.
As coleccións organízanse en tres salas: Impacto, Porto e Oiasso. A Sala Impacto presenta o mundo indíxena vascón e os primeiros contactos entre este e os colonizadores romanos. Na sala Porto as vitrinas acollen os materiais arqueolóxicos que nos falan do comercio e a pesca, as dúas actividades económicas principais asociadas ao porto. Finalmente, a sala Oiasso fala dos aspectos cotiás dunha cidade romana de época altoimperial: a dieta, a vestimenta, a escritura, o ocio ou a relixión.