Skip to main content

Nautic Destination

Baiona. Marismas A Ramallosa

Sobre este patrimonio

A desembocadura do río Miñor forma unha marisma declarada Zona de Especial Conservación (ZEC) debido ao seu alto valor ecolóxico, incluída na Rede Natura 2000, ZEC A Ramallosa. Este estuario abrangue desde a zona de A Xunqueira, en Nigrán, expándese na parroquia de A Ramallosa chamándose o lugar como A Foz do Miñor ata a súa entrada na Baía de Baiona. Nel desembocan o río Miñor e outros caudais fluviais como Belesar e A Groba. O complexo ecosistema forma unha lingua de area onde se atopa a Praia Ladeira e un cámping construído enriba do antigo sistema dunar. A parte protexida ocupa unha superficie de 92 ha servindo de límite entre os municipios de Baiona e Nigrán. Pero a área desta combinación de ecosistemas esténdese unhas 200 ha entre dunas, marisma, carrizais, lagoa, río e bosque de ribeira. O uso da marisma está destinado á pesca en varios puntos do río ou a uso recreativo practicando deportes acuáticos. Conta cun paseo peonil rodeando o perímetro deste humidal que vén desde Baiona, cruza a ponte, por onde antigamente pasaba o tranvía, e continúa por Ramallosa. En fronte desta pasarela pódese ver a construción da antiga ponte románica de A Ramallosa do século XII. O paseo posúe estacións ornitolóxicas onde poder observar a diversidade de aves existente no estuario, tanto aves migratorias como nidificantes: garzas reais (Ardea cinérea), garcetas (Egretta garzetta) zarapitos (Numenius sp.), anátidas e variedade de especies de gaivotas e outras aves mariñas como o corvo mariño (Phalacrocorax sp.). Tamén se poden ver aves rapaces como o aguiucho lagunero (Circus aeruginosus) e o ratoeiro común (Buteo buteo). Na marisma podemos atopar multitude de flora ligada a ambientes húmidos como herbazais onde predomina o esparto mariño (Spartina marítima) propias da zona intermareal e distintas especies de xuncos (Juncus sp.). Teñen tamén alto interese as comunidades de zostera (Zostera marítima). O humidal é rico en fauna con moluscos como berberechos (Cerastoderma edule), ameixa fina (Ruditapes decussatus) ameixa de can (Scrobicularia plana) que viven en fondos arenosos. Atópanse réptiles como a víbora de seoane (Vipera seoanei), lagartiña común (Podarcis hispánica) e a tartaruga (Emys orbicularis). En zonas de augas doces destacan os anfibios como a ra patilonga (Rana iberica), ou a salamandra rabilonga (Chioglossa lusitánica) e mamíferos como a nutria (Lutra lutra). Polas inmediacións pasa o Camiño de Santiago pola Costa e cabe a posibilidade de facer un paseo desde o centro de Baiona ata a praia de Panxón percorrendo así gran parte das praias do Val Miñor.

Para saber máis

O río Miñor nace na serra do Galiñeiro a 400 m de altitude e é un pequeno río de 16 km de lonxitude que recibe augas do río Zamáns na súa confluencia polo paso do municipio de Gondomar. O río discorre polos tres municipios que conforman a comarca do Val Miñor: Gondomar, Nigrán e Baiona. Desemboca nas parroquias de A Ramallosa e Santa Cristina da Ramallosa, pertencentes aos concellos de Nigrán e Baiona respectivamente. Unindo ambas parroquias atópase a ponte románica de A Ramallosa, unha das pontes medievais máis fermosas que se conservan en Galicia. É de estilo románico e construíuse no século XIII, probablemente substituíu a outra ponte de orixe romana xa que se atopa no trazado da vía romana XX (per locca marítima) do Itinerario de Antonino. No medio da ponte ergue un pequeno altar cun cruceiro cunha imaxe de San Telmo e unha escena dalgunhas ánimas queimándose no purgatorio. Ata fai poucas décadas, nesta ponte celebrábanse ritos relacionados coa fertilidade. Segundo a tradición a muller, que non consegue ter fillos, tiña que botarse auga do río no ventre. O conxuro, para ser efectivo tiña que realizarse ás 12 da noite, sendo a primeira persoa que pasase despois pola ponte, o pai da criatura. Na punta norte colocouse en 2011 unha cuncha de peregrino xa que por aquí pasa o Camiño Portugués pola Costa.

Para coñecelo mellor

Unha marisma é un ecosistema húmido formado por plantas herbáceas que medran na auga. Neste caso, está formada por mareas do río Miñor xunto cos regatos Groba e Belesar. Nestes marismas de A Ramallosa, tamén coñecidas como o Estuario de A Foz, podemos observar diferentes especies de aves como poden ser gaivotas, corvos mariños ou garzas. As marismas situadas en A Ramallosa, en Nigrán, son un Lugar de Interese Comunitario (LIC), protexido pola Rede Natura 2000 e contan cunha superficie de case 92 hectáreas. As principais especies que podemos atopar nas súas augas son a anguía, a robaliza e algún salmón. Ademais, o río Miñor cruza a ponte románica de A Ramallosa, dividindo os municipios de Nigrán e Baiona. Esta construción conta con uns dez arcos e está coroada por un cruceiro cunha imaxe de San Telmo, patrón de navegantes.

Galería

Baiona. Marismas A RamallosaBaiona. Marismas A Ramallosa

Localización

Localidade
Ramallosa
Concello
Nigrán
Provincia
Pontevedra
País
España

O ben

Tipo
Marismas
Eco-destino
Ría de Vigo
Contorna
Natural
Relevancia
Rexional

Como chegar

Acceso
Por mar Por terra
Distancia
Caminando: 38 minutos. Distancia en coche: 6 minutos

A visita

Visitábel
Si
Interpretación
Hai paneis interpretativos
Accesible
Aparcadoiro
Sinalizado
Si

Coordenadas

Latitud
42.11743600
Longitud
-8.81858400