Localizado no pleno centro histórico de Vilagarcía, este xacemento presenta diferentes niveis de ocupación na fase final da Idade do Ferro, no século I a. C. A súa posición estratéxica tanto na ría de Arousa como na desembocadura do río Ulla lles outorgou acceso aos circuítos comerciais dos mercadores fenicios.
Os materiais documentados nos achados evidencian a relación do castro Alobre co mundo mediterráneo e, en especial, co sur da península ibérica, a península itálica e as illas Baleares. Púidose identificar unha gran cantidade de materiais de importación púnicos (desde o século VIII a. C.) e tardopúnicos (inicios do século II a. C a mediados do século I a. C.). Os restos metálicos, principalmente de bronce, son especialmente relevantes, con máis de 400 pezas. Así mesmo, atopáronse fragmentos de cerámica campaniense, un askós, cerámicas comúns (potas, cuncas e xarras) e varios cálatos, vasixas de cerámica ática. Os fenicios eran politeístas e cada cidade tiña o seu propio panteón, coa onmipresenza de deidades femininas como Astarté ou Tanit, que encarnaban os principios de fertilidade e prosperidade, ben asentados na cultura mediterránea a través da figura da Gran Deusa Nai. O carácter intercambiable das deusas esténdese tamén aos nomes dos deuses masculinos, como Baal (en masculino) e Baalat (en feminino), que tamén significa "señor" e "señora", respectivamente. Baal é venerado como deus das montañas e os lugares elevados, as tormentas, os mananciais e os ríos. Cando os fenicios elixían un promontorio, unha península ou unha illa para situar o porto e a zona de transacción comercial, consultaban o oráculo, levantando na zona un templo para sacralizalo. Este era necesario para levar a cabo os xuramentos pertinentes en calquera intercambio comercial e para poder realizar rituais e ofrendas para pedir amparo ao longo das travesías. Tamén servían de espazo neutral para as transaccións. O alfabeto é a achega cultural máis importante dos fenicios. As escavacións en Ra´s Samra permitiron coñecer a existencia dun alfabeto que utilizaba signos cuneiformes, de orixe mesopotámico, usado para escribir en lingua semítica, precedente directo e inmediato do fenicio da época clásica. A inscrición do rei Ahiram de Biblos mostra que no século XIII a. C. a escritura fenicia alcanzara xa a súa forma case definitiva e nos primeiros séculos do primeiro milenio existen varios testemuños de inscricións co sistema completo, de 22 signos. Este alfabeto foi posteriormente adoptado polos gregos, con adaptacións, e destes pasou aos romanos.
O Castro Alobre, situado preto do Pazo de Vista Alegre en Vilagarcía de Arousa (provincia de Pontevedra) é un enclave costeiro con moita historia. Segundo as investigacións, foi ocupado en diferentes épocas durante a Idade do Ferro, século I a.C. Por estar localizado na costa, era un asentamento que contaba cunha ubicación perfecta e estratéxica para potenciar os intercambios comerciais. Ademais, atopáronse restos de cerámicas itálicas e elementos procedentes da área mediterránea, o que afirma o comercio entre o Atlántico e o Mediterráneo. Neste castro, manteñen os restos dunha vila castrexa. Esta cultura caracterizábase pola súa forma de asentarse, facéndoo en vivendas de pedra redondas ou ovais. Posiblemente, este castro foi o inicio do que coñecemos agora por Vilagarcía de Arousa. Preto da fortificación, atopábase a ermida de San Cristovo de Alobre, datada do século X. Por iso, o castro tamén recibe o nome de Castro de San Cristovo ou Castro de Vistalegre. A través das escavacións e estudos, atopáronse unhas 20.000 pezas de diferentes épocas. Entre elas, cabe destacar as seguintes: elementos de bronce, moedas, cerámicas, colgantes, accesorios para o cabelo e fivellas de armaduras.