Situado entre nun saliente rochoso entre as amplas praias, o castro de A Lanzada, no concello de Sanxenxo, permite dominar tanto o acceso á ría de Arousa como unha importante franxa da costa exterior atlántica e as illas adxacentes. Trátase dun xacemento singular dentro da Idade do Ferro do noroeste peninsular, pois, aínda que existisen estruturas circulares tipicamente galaicas e unha parte dos materiais son de produción local, no S. III a.C. transfórmase parcialmente nunha factoría de salsa ou salazóns. Foi un dos grandes oppida galaicos, enclaves comerciais co Mediterráneo. O castro de A Lanzada é singular dentro dos asentamentos castrexos, xa que non presenta elementos defensivos e tampouco se ubica nun alto, senón a pé de praia. Nel atópase unha factoría de salazón prerromana. Asociada a esta factoría aparece unha estrutura absidal cun pavimento circundante de arxila vermella e un muro lateral realizado en opus africanum rude", elementos totalmente novedosos na tradición arquitectónica galaica e con claros vínculos co sur peninsular. A estas estruturas súmase a existencia dun espazo de enterramento de neonatos perfectamente delimitado e datado na primeira metade do século I d. C., que lembra parcialmente prácticas funerarias púnicas. Esta necrópole é algo excepcional na cultura castrexa.
Atopáronse restos de ánforas íbero-púnicas idénticas ás atopadas no Cerro Macareno (Sevilla) e outras provisionalmente relacionadas con distintas formas púnicas características do IV a. C. Así mesmo, hai pratos de verniz vermello similares aos do Castelo de Doña Blanca e Cerro Macareno en contextos tamén do século IV a. C., aínda que as de A Lanzada teñen unha pasta e factura distinta, polo que poderían ser unha produción local a imitación da olaría mediterránea. Estes achados constatan un aumento das importacións procedentes da costa portuguesa e da costa suroccidental andaluza entre os séculos IV e III a. C. Especial relevancia o perfumario e o ungüentario cerámico de tipo fusiforme (depositado no museo de Pontevedra) atopados, xa que se trata de dous obxectos alleos á tradición castrexa. As comunidades que se atoparon os fenicios á súa chegada ao noroeste, a finais do século V a. C. atopábanse en pleno proceso de transformación. Precisamente este período marca o cambio entre a Primeira e a Segunda Idade do Ferro na zona. Ata ese momento, o noroeste caracterizárase por unha considerable homoxeneidade cultural: predominaban os castros pequenos, con arquitectura de planta circular pouco monumental e fortificacións con predominancia de aterrazamentos, foxos e terraplenes. A ocupación do territorio era pouco densa e os asentamentos localizábanse en lugares elevados. A partir de finais do século V a. C. moitos destes poboados abandonáronse e multiplicáronse os poboados en fondo de val, que se dotaron de defensas complexas e, polo menos na costa, caracterizáronse por unha estrutura en pedra monumental e unha ocupación moi densa, aínda que seguen sendo pequenos (2 hectáreas) polo menos ata o século II a. C. Ao contrario que o sur peninsular, o noroeste non se mediterraneou". Os púnicos mantiveron relacións comerciais, pero sen establecer colonias nin asentamentos permanentes, sendo o máis parecido a un asentamento permanente os espazos de culto identificados en Punta do Muiño do Vento e a illa de Toralla (Vigo). Con todo, si hai evidencias de influencia en algúns asentamentos castrexos do litoral meridional, onde se adoptaron metalurxías e elementos da cultura relixiosa por posible transferencia ideolóxica a través dos lugares de culto púnico no poboado. Os primeiros emporios con presenza púnica ubícanse en lugares familiares para os mercadores procedentes do sur. Trátase de paisaxes similares ao mundo púnico mediterráneo e á zona do Estreito de Xibraltar: illas próximas á costa, cabos que flanquean enseadas, bos portos naturais e desembocaduras de ríos que actúan como vías de entrada cara ao interior. Un primeiro trazo deste primeiro comercio púnico é a súa concentración na costa. Aparentemente os emporia acaparaban a inmensa maioría das importacións e actuaban como intermediarios entre produtores de metal no interior e mercadores na costa, seguindo o modelo clásico que parece darse en distintos puntos da xeografía protohistórica europea. A implicación dos galaicos na Segunda Guerra Púnica como soldados ao servizo de Cartago demostra ata que punto as interaccións entre as comunidades do noroeste e os navegantes púnicos crearan lazos estreitos. A partir de mediados do século II a. C. e con maior forza a partir do ano 125 a. C. é cando o intercambio co mundo mediterráneo reaparece con forza, que evidencia a aparición dunha gran cantidade de restos en numerosos enclaves. Neste período tardopúnico é cando aparecen os oppida, grandes castros que se converten en atracción do comercio e que atraen particularmente a importación de grandes ánforas cuxo contido se emprega para banquetes patrocinados polas grandes elites que están á fronte dos oppida. O viño xoga un papel clave na economía política dos oppida e sen dúbida actuou como acicate para o comercio a partir do século II a. C. e o viño era un dos produtos cos que comerciaban os fenicios, que plantaron viñas en todas as súas colonias e nos arredores das súas factorías, tanto no norte de África, entre elas Cartago, que posteriormente herdaría todo o poder fenicio, como na península Ibérica, Francia e Italia.
O castro de A Lanzada está situado en Noalla (Sanxenxo) a pouca distancia do mar e data do século VIII a.C. Nel pódense observar restos da fortaleza medieval, coñecida como a Torre da Lanzada. No outro extremo, atópase a capela de Nosa Señora de A Lanzada, construída sobre parte dos restos do castro. Trátase dun xacemento singular dentro da Idade do Ferro. Aínda que existisen estruturas circulares típicas e parte dos materiais foran producidos polo poboado, transformouse parcialmente nunha factoría de salsa ou salazóns. Por outra banda, este estratéxico enclave serviu para aumentar o comercio, pois chegaban produtos de diferentes sitios do Mediterráneo, materiais procedentes de Exipto, Turquía ou Túnez. Desde A Lanzada, distribuíanse a outros asentamentos das Rías Baixas galegas.