Skip to main content

Nautic Destination

Illote de San Simón. Edificios

Sobre este patrimonio

O arquipélago de San Simón dá nome á enseada formada no interior da ría de Vigo. É unha illa cargada de séculos de historia onde, as súas edificacións, foron partícipes de diferentes episodios e épocas. En 1999 as illas de San Simón e San Antón foron declaradas ben de Interese Cultural e comezou unha etapa de rehabilitación intentando acadar unha harmonía entre a natureza asilvestrada e os xardíns de antano coa remodelación dos edificios xa existentes sen deteriorar o contorno. Así, na illa, atópase no centro a capela de San Simón, edificio do século XIX que se corresponde coa época de construción da maior parte dos edificios do lazareto. Seguramente a antiga ermida citada polo trobador Mendinho estaría nos arredores onde se atoparon enterramentos medievais. Enfronte desta, despois dun pequeno patio descuberto atópase a casa da cultura e dos deportes que se destinou como aloxamento do pasaxe de segunda categoría durante a época do lazareto. No tempo no que estivo como campo de concentración dará residencia a reclusos e tras a caída do fronte norte albergou presos asturianos e leoneses. Foi residencia tamén do fogar de Méndez Núñez. A actual cafetería-restaurante atópase pechando este patio pola parte norte. Este vello edificio do lazareto conservou os tres corpos orixinais acristalados, mantendo sempre ao longo da historia unha función como espazo de cociñas e comedor. Durante a época de campo de concentración chega a ser habitación dos anciáns recluídos na cárcere a partir de 1939. Detrás deste conxunto e ao lado do embarcadoiro que mira cara Cesantes sitúase a casa do garda e administración que xa tiña funcionamento desde a época de Lazareto. Durante a época de colonia penitenciaria estivo aquí instalado o locutorio para visitas. Na entrada principal vendo cara á saída da ría atópase o edificio de cursos e seminarios que desenvolveu funcións residenciais no lazareto e durante a época do campo de concentración foi un gran pavillón de reclusión dos presos. Chegou a albergar máis de 600 persoas que pernoctaban no chan en precarias condicións. Este edificio foi destinado a talleres, almacéns e dormitorios colectivos durante a época de orfanato. Á esquerda deste edificio está o auditorio multiusos que hoxe en día conforma un espazo aberto e versátil para actos culturais. No pasado aloxou enfermos do lazareto limpo e durante a época da cárcere destinouse tamén como enfermaría, atendida sobre todo polos propios presos, entre os que se atopaban algúns médicos. Enfronte véxese a central eléctrica (actualmente utilizada como aseos públicos) pero, como indica o seu letreiro orixinal, foi unha central de produción eléctrica a comezos do século XX para atender as necesidades do lazareto. Unha das edificacións máis chamativas é a residencia Stella Maris que durante a época do Lazareto tivo función residencial e de intendencia, hospedándose o pasaxe de primeira categoría, ao tempo que acollía as oficinas e apartamentos do alcalde, o capelán e persoal médico. Durante a época da cárcere, acolleu tamén as oficinas e a vivenda do director e os oficiais, e chegou a ser residencia de presos con certos privilexios. Durante a etapa do fogar Méndez Núñez contou con aulas e habitacións do persoal docente. Cercana a esta construción está a casa de baños onde se atopan os antigos lavadeiros de roupa da época do lazareto e que durante o tempo de colonia penitenciaria os presos aseábanse aquí e lavaban as súas roupas. Ambas illas están conectadas por un ponte. A illa de San Antón foi a destinada ao lazareto sucio, é dicir, onde ían as persoas con enfermidades infectocontaxiosas para non contaxiar ao resto dos pacientes. O edificio deste lazareto é o actual centro de interpretación e documentación que tamén foi acuartelamento do destacado militar encargado do campo de concentración e posteriormente foi clínica do fogar Méndez Núñez. É na actualidade un centro de interpretación e de documentación que posúe unha biblioteca centrada na historia do lugar, a memoria histórica e a cultura do mar. Tamén está o cemiterio e ossario construído na época do lazareto para enterrar aos mortos das corentenas, conta con algúns sartegos de pedra e vellas sepulturas.

Para saber máis

Outras edificacións atopadas neste pequeno arquipélago son os peiraos de acceso á mesma como na illa de San Simón o peirao dos Oficiais que daba lugar á comunicación da illa co territorio próximo da parroquia de Cesantes, peirao do Capitán situado ao oeste que é actualmente o principal que dá entrada á illa. Próximo a onde se ubicaban as hortas atópase o embarcadoiro situado na zona máis protexida dos ventos. Na illa de San Antón atópanse os peiraos dos Piratas, ao oeste e daba acceso ao lazareto sucio, o das Monxas no este aludindo ás monxas que prestaban servizo ao lazareto sucio e o peirao do Cagarrón situado na parte norte da illa. As illas conservan espazos exteriores con vexetación e zonas axardinadas anteriores ao proceso de rehabilitación do conxunto como tamén zonas asilvestradas da época de abandono da illa. Construíronse miradoiros para poder observar as vistas da enseada desde a illa. A Avenida de Teurel é un camiño perimetral que se construíu na época da cárcere como un dos traballos que os reclusos debían realizar. A súa denominación, inscrita nunha pedra, provén do bautismo que lle deron os presos en homenaxe á República, tras a toma da cidade de Teruel en 1938. Preto da entrada principal atópase o Paseo dos Buxos, tránsito emblemático que percorre a parte meridional da Illa de San Simón polo seu eixo central, entre a capela e o Miradoiro da boca fría, flanqueados por buxos centenarios de gran porte que abovedan este paseo xerando unha atmosfera singular. Detrás da cafetería-restaurante e do edificio do Stella Maris atópase unha parte de zona axardinada e unha zona aberta con vistas á praia de Cesantes chamada campo de alocucións, explanada que durante a época de campo de concentración foi empregado para reunir aos presos e realizar actos relixiosos ou oficiais de diverso carácter. O ponte que une ambas illas é unha construción racionalista proxectada por Alejo Yáñez como unha obra fundamental do lazareto marítimo destinada a unir e, ao mesmo tempo separar mediante portalóns nos seus extremos, ao lazareto limpo ubicado en San Simón e o lazareto sucio localizado en San Antonio.

Para coñecelo mellor

Redondela é un municipio da provincia de Pontevedra que foi habitado desde tempos inmemoriais pois, no Monte Penide ou Monte Mirallo e Ventosela, atopáronse diferentes restos de dolmens, petroglifos e gravados rupestres que o demostran. Preto de Redondela, atópase o ponte de Rande que une os municipios de Redondela e Moaña. Na Ría de Vigo, atopamos a Illa de San Simón. A illa conta cun edificio que aínda se conserva. Nun primeiro momento era un mosteiro, pero foi abandonado polos monxes. Posteriormente, foi un hospital ou un lazareto. Nel ingresaban as persoas que padecían enfermidades infecciosas para a súa observación e o seu tratamento. A partir de aí, constrúese unha enfermaría, unha capela, un edificio residencial para os pasaxeiros e pasaxeiras de primeira clase, outro para os de segunda e outro para os pasaxeiros de terceira clase.

Galería

Illote de San Simón. EdificiosIllote de San Simón. Edificios

Localización

Localidade
Cesantes
Concello
Redondela
Provincia
Pontevedra
País
España

O ben

Tipo
Illa
Eco-destino
Ría de Vigo
Contorna
Natural
Relevancia
Internacional

Como chegar

Acceso
Por mar Por terra
Distancia
0 km

A visita

Visitábel
Si
Accesible
Aparcadoiro
No

Coordenadas

Latitud
42.30713200
Longitud
-8.62892200