O Poseidón nace dun proxecto de rehabilitación patrimonial e valoración medioambiental da cetárea de Baiona que se iniciou en 2014 habilitando, nun principio, un espazo público como solárium. No ano 2018 levouse a cabo a instalación de material para converter a antiga cetárea en talaso natural. Actualmente posúe sistemas de chorros a presión, chorros para masaxe cervical e cortina de auga nunha balsa de 300 metros cadrados que se enche de auga. A instalación funciona de abril a outubro onde se desinstalan para protexelos dos temporais. A recuperación desta cetárea e a súa reconversión foi galardoada co segundo premio na categoría Best of seaside" dos prestixiosos premios "The best Top 100 Destinations" que concede a organización internacional Green Destinations. Esta cetaría foi construída nos inicios do século XX e atópase ao lado do espigón de Baiona. A construción feita en pedra granítica e de planta rectangular, posúe uns 300 metros cadrados nos que se almacenaba lagosta procedente dos barcos das casas armadoras da vila. Nos anos 70 do século XX foi abandonada. A ubicación desta cetárea é idónea xa que presenta unhas vistas privilexiadas ás illas Estelas e Cíes, así como Monteferro no municipio veciño de Nigrán. Tamén se pode aproveitar para camiñar polo paseo de Monte Boi. Percorrido de apenas dous quilómetros de lonxitude que rodea por fóra a fortaleza de Monterreal."
A talasoterapia en Baiona remóntase a finais do século XIX cando xa era doado coñecer as excelentes propiedades das augas ricas en iodo grazas ás abundantes algas que cada día traía o mar no seu continuo bater á praia da Concheira. As algas tritúranse pola acción do oleaxe descompoñéndose, botando á disolución elementos de propiedades terapéuticas demostradas. O Doutor Cordero e Señor Ordoñez viron unha oportunidade de negocio e deciden poñer en marcha un pequeno balneario de 20 casetas móbiles. A construción do primeiro balneario de talasoterapia en Baiona levouse a cabo na popular praia da Concheira no ano 1896. Tratábase dunha edificación de madeira e de planta baixa, asentada sobre pilotes de pedra para permitir que a auga das mareas altas discurrise libremente por debaixo. No seu interior existía unha habitación con 12 bañeras de mármore. Os baños podían tomarse a diferentes temperaturas, con algas ou sen elas, pero os máis demandados eran con algas. Para preparalos recollían a diario algas na praia, despois fervían para extraer o iodo. Á parte quentábase a auga do mar que despois era mesturada co líquido resultante das algas. Moi preto atópase a Torre da Tenaza dirixida cara á Baía de Baiona, que foi erguida nos tempos dos Reis Católicos no século XV e cumpre funcións de mazmorra e polvorín. Unha lenda asociada a esta torre asegura que Pedro Madruga fixo construír unha cela especial cunha pequena porta, e que unha vez encerrado o bispo de Tui, Pedro Madruga fixo que lle deran ben de comer para que engordase, de tal forma que non puidese saír pola porta diminuta. Despois sitúase a Doca, nome que se lle dá ao gran espigón que protexe o porto dos temporais en Baiona. Detrás atópase o Monterreal Club de Yates, un dos clubs náuticos máis importantes de España. Ao longo dos seus 50 anos de historia, celebráronse varias edicións da Lymington-Bayona, varios campionatos de Europa e do mundo e numerosas regatas de Match Race. Todos os anos organiza, ademais, o Trofeo de Príncipe de Asturias, que é a regata emblemática do club que se vén celebrando de forma ininterrompida desde 1986.
A día de hoxe, Baiona é o primeiro municipio galego que goza xa dunha piscina gratuíta natural con auga de mar e chorros. Este municipio, localizado na provincia de Pontevedra, aproveitou a súa antiga cetárea para convertela nunha zona de desfrute para todos os seus veciños e veciñas, así como para turistas. Unha cetárea é un viveiro comunicado co mar dedicado aos seres vivos mariños e, aproveitando a situación da mesma en Monte Boi, creouse unha piscina de talasoterapia con diferentes chorros. Ademais, xa sabemos que a auga mariña exerce unha acción terapéutica no noso organismo, xunto cun efecto de relaxación e benestar. O proxecto, chamado Poseidón, comezou no ano 2014. Catro anos despois instalouse o material para converter esta antiga cetárea de lagostas neste paraíso natural.