Portonovo é o primeiro porto que nos atopamos na parte interior norte da ría de Pontevedra. O peirao está sempre ocupado por numerosos barcos. Para fondear debemos facelo a certa distancia do peirao, pois as súas proximidades adoitan estar ocupadas polos barcos do lugar. O Club Náutico de Portonovo conta con máis de 330 socios, as súas familias e 160 embarcacións. Ten mariñaría todo o ano. Desde 1993 unha escola de vela tenta consolidar este deporte entre os máis novos. O Náutico dispón dunha flota de trece embarcacións: sete tipo Optimist, catro tipo cadete, un raquero e un vaurien. No marco das competicións de vela ou cruceiro, o Club organiza desde 1996, no mes de agosto, a regata Trofeo Hotel Galatea, de dous días de duración, incluída no calendario da Federación Galega de Vela. Dita regata é desde 2003 puntuable para a Copa Galicia de Cruzeiros. Así mesmo, desde o ano 2003 celébrase outra regata de Cruzeiros no mes de xullo: Trofeo Estrella Seguros. A principios do 2002 creouse unha sección de actividades subacuáticas na que se imparten clases de mergullo recreativo, dotada dun compresor Coltri MCH 16 estándar e material para saídas de mergullo.


