O arquipélago de Cíes está formado pola illa Norte ou de Monteagudo, a illa do medio ou do Faro e a illa Sur ou de San Martiño. Unha das características do arquipélago de Cíes é que a súa cara oeste está formada por cantís debido en parte a que é a cara que dá a mar aberto e recibe os golpes de onda e a entrada do vento. As zonas do arquipélago desde onde mellor se contemplan os cantís son desde o Faro de Cíes ou desde a illa Sur ou de San Martiño. Nas zonas de cantís debido ao choque das ondas os poucos solos existentes nesa zona posúen unha elevada salinidade. Ademais, nestas zonas o vento sopra con moita forza polo que resulta moi difícil o crecemento das especies vexetais e as especies vexetais que medran alí adoptan unha forma almofadada. Os excrementos das aves que anidan nos cantís inflúen notablemente no crecemento das plantas nestas zonas xa que enriquecen o solo con substancias fertilizantes. Nas zonas máis baixas e próximas ao mar nos cantís atópase o perexil de mar (Crithmum maritimum). En zonas máis altas atópanse a armería (Armeria pubigera), colleitas de mar (Silene uniflora) e dáctilos mariños (Dactylis glomerata). Na parte superior do cantil atópase a zona de matogueira costeira, menos influenciada polas salpicaduras mariñas e nela atópase sobre todo unha subespecie de toxo endémica galaico-portuguesa (Ulex europaeus subsp. Latebracteatus).
Os cantís son unha das características principais do arquipélago de Cíes. A cara oeste do arquipélago está formada por cantís onde se atopa asentada poucas especies vexetais que teñen o seu crecemento limitado debido ao forte vento e o forte oleaxe que soportan. Nos cantís ademais de especies vexetais tamén se poden observar diferentes especies de aves que elixen os cantís como lugares para establecer os seus niños. Dada a importancia que teñen as aves no arquipélago foi declarado zona ZEPA (Zona Especial de Protección de Aves) por parte do Estado Español e da comunidade europea. O arquipélago tamén é un lugar que elixen para hibernar ou descansar aves durante as súas viaxes migratorias. Algunhas das especies de aves que crían nas illas Cíes son a gaivota patiamarela (Larus cachinnans) e o corvo mariño moñudo (Phalacrocorax aristotelis), estas dúas especies son as máis numerosas nas illas. A gaivota escura (Larus fuscus) e os paiños (Hydrobates pelagicos) tamén crían alí e ademais ambas as especies son pouco numerosas na Península Ibérica. Outras especies de aves de maior tamaño como o alcatrán (Morus bassanus), azor (Accipiter gentilis), colimbo ártico (Gavia arctica) e o falcón peregrino (Falco peregrinus) tamén se poden ver nas illas en determinadas épocas do ano. A pardela pichoneta (Puffinus puffinus), gaivota reidora (Larus radibundus) e o arao común (Uria aalge) son outras das especies que tamén se poden ver.
O arquipélago das Illas Cíes conta con unhas vistas espectaculares ao Océano Atlántico. Foi declarado Parque Natural no ano 1980 e Parque Nacional no 2002 xunto ás illas Ons, Sálvora e Cortegada. Na Ruta do Faro do Peito, na illa de Monte Agudo, hai un fermoso miradoiro cara á Costa da Vela, Cabo Home, Illa de Ons, O Morrazo, O Salnés, Barbanza e Galiñeiro. As Illas Cíes, na provincia de Pontevedra, contan con nove praias de area fina branca e augas cristalinas. De forma triangular, a Illa de San Martiño é unha das máis anchas das Cíes. Actualmente, podemos observar restos da nosa historia galega como o eremitorio de San Martiño ou as pezas do Muíño do Limpiño e acadar o punto máis alto da illa Sur, o monte Pereira.