Skip to main content

Nautic Destination

Bueu. Praia Mourisca e Chan de Esqueiros

Sobre este patrimonio

Dentro do espazo da Zona de Especial Conservación (ZEC) Cabo Udra da Rede Natura 2000, atópase un lugar que se chama Chan de Esqueiros. Esta área antigamente estaba destinada a usos de pastoreo. Os pastores da zona levaban aos seus rabaños e aproveitaban os pastos e o matogueiral que lle confería o cabo. Para pasar as noites xunto co gando construíron uns chozos. Unha das manifestacións máis primitivas das construcións no rural. Os chozos realizábanse aproveitando a morfoloxía das grandes rochas do lugar, a modo de vivac, ao que se lle engadía unha parede de pedra e unha cuberta en falsa bóveda feita con grandes losetas. Estes chozos de Chan de Esqueiros foron construídos a finais do século XIX e empregáronse ata mediados do século XX. Contan cunha protección integral como Ben de Inventario de Xacementos Arqueolóxicos do Concello de Bueu da Consellería de Cultura. Ao redor do Cabo atópase algunha praia e pequenas calas, en zonas protexidas e menos expostas. A praia de maior dimensión que pertence ao cabo é a praia Mourisca. Paseando por este areal percíbese o pasado mariñeiro da zona. Quedan as construcións, agora reformadas, das antigas casas de mariñeiros. Aínda se ve algunha embarcación subida á area para que o mar non se a leve durante a marea. Á esquerda da praia nas inmediacións atópase unha antiga fábrica de salgadura que foi reconstruída polos arquitectos Alicia Freire e Mauricio Sánchez-Bella. Esta fábrica de finais do século XIX e principios do XX presenta no seu patio interior case intactos os "machos", as grandes pedras que se utilizaban a modo de prensa. Tamén están as "pías", os pilóns onde se salgaba o peixe. Pódese ver o interior desta antiga fábrica desde un portal xa que é propiedade privada. Desde alí aprecíanse todos os elementos incluso un pozo de auga doce que se atopa no patio.

Para saber máis

Coñecida é a fama de Bueu polas súas fábricas de salgadura, aquí chegaron a finais do século XIX os chamados "fomentadores cataláns" que, ao ver o potencial de produción da ría, afincáronse para instalar numerosas fábricas deste tipo de conserva. Ao longo da costa do municipio chegou a haber unhas trinta fábricas funcionando. Pero esta fama viña de lonxe, xa na Época Romana existían este tipo de enclaves onde se salgaba o peixe para a súa conservación, eran os chamados "Garum". En Bueu atópanse restos destas factorías e tamén fornos onde se cociñaban as ánforas coas que transportaban a prezada mercadoría a outros lugares do Imperio. En Cabo Udra atópanse tamén os restos dunha destas antigas fábricas de salgadura, só se atopan restos dun muro, pero tamén se conserva o topónimo de Ancoradouro, referente a que posiblemente era unha boa zona onde os barcos podían botar amarras ou descargar a mercadoría. Outra das praias que se atopa ao redor do Cabo é a cala de Pedrón, de tradición nudista. A cala atópase despois de facer un sendeiro que atravesa un pequeno bosque de carballal e flora típica galega que desemboca nun piñeiral costeiro. Desde aquí, ao igual que noutros lugares do cabo, é bo lugar para a observación ornitolóxica de aves mariñas como os corvo mariños Phalacrocorax sp. que se pousan nas rochas coas ás abertas de par en par para secalas ao vento e ao sol. Seguindo o sendeiro en dirección a Bueu chega-se a unha cala moito máis pequena que se chama praia Buceiro ou de Mediabril e finalmente á praia Mourisca de maior dimensión que pertence ao cabo. Para rodear este cabo e poder contemplar as súas peculiaridades, existe un sendeiro, o sendeiro azul, que parte da praia de Lagos, rodea o cabo e únese á senda litoral que chega ata a praia de Agrelo en Bueu. Está sinalizado con marcas azuis e brancas.

Para coñecelo mellor

Bueu, na provincia de Pontevedra, destaca por ser un porto mariñeiro con fermosas praias e paisaxes. A praia de Mourisca, na parroquia de Beluso, ten forma de baía, area branca e grova, auga cristalina e está rodeada de árbores e enormes rochas en forma de cantís. Ademais, atópase dentro do espazo natural protexido de Cabo Udra. En poucas palabras, todo un paraíso. Nos arredores da praia destacan os chozos de Chan de Esqueiros. Trátase de antigas construcións que corresponden a finais do século XIX. Eran uns refuxios construídos entre os ocos das rochas para que os pastores puidesen durmir preto do seu gando. Ademais, atópanse catalogados como espazo protexido pola Rede Natura 2000, como Lugar de Importancia Comunitaria (LIC), Zona de Especial Protección dos Valores Naturais (ZEPVN) e como Ben do Inventario de Xacementos Arqueolóxicos do Concello de Bueu por parte da Consellería de Cultura.

Galería

Bueu. Praia Mourisca e Chan de EsqueirosBueu. Praia Mourisca e Chan de EsqueirosBueu. Praia Mourisca e Chan de Esqueiros

Localización

Localidade
Beluso (Santa María)
Concello
Bueu
Provincia
Pontevedra
País
España

O ben

Tipo
Praia
Eco-destino
Ría de Pontevedra
Contorna
Rural
Relevancia
Nacional

Como chegar

Acceso
Por mar Por terra
Distancia
Distancia 4 km – 10 minutos en coche

A visita

Accesible
No
Aparcadoiro
No

Coordenadas

Latitud
42.33749200
Longitud
-8.82300200