A ría de Aldán atópase entre as dúas grandes rías de Vigo e Pontevedra, na península do Morrazo. Está delimitada entre Punta Couso e Cabo Udra. Posúe un pequeno porto exclusivamente pesqueiro e de auxiliares de acuicultura. Caminando ata o mesmo pódese facer un paseo marítimo bordeando a praia polo cal se observa a vila mariñeira deste antigo burgo de pescadores, xunto a hórreos centenarios. Destaca a Igrexa Parroquial de San Ciprián, de trazos neoclásicos, e a torre almenada.Recorrendo a costa en dirección a Bueu atópase Cabo Udra, enclave natural pertencente á parroquia de Beluso. Esta área está declarada como Zona de Especial Conservación (ZEC) Cabo Udra, polos seus valores naturais. O cabo está conformado por unha paisaxe na que destacan pola súa singularidade as formacións xeolóxicas de materiais graníticos, concretamente granodioritas con megacristais feldespáticos pertencentes a unha serie denominada como granodioritas Sanxenxo-Bueu. Este tipo de cristais chegan ao tamaño de 8 cm e véxense como formas rectangulares e de cor branco opaco na rocha. O paso do tempo foi erosionando estas rochas e creando formacións redondeadas e formas caprichosas como os bolos e cavidades circulares chamadas alvéolos ou pías, as praias de cantos rodados e as formadas por deposición de materiais máis finos desprazados pola corrente. A flora de Cabo Udra caracterízase porque nun espazo relativamente pequeno atópanse unha ampla gama de paisaxes vexetais. As zonas máis protexidas presentan herbas Hedera hibernica, loureiros Laurus nobilis e carballos Quercus sp. e na zona máis exposta ao mar atópase vexetación típica de cantís como herba de namorar Armeria sp. ou perexil de mar Crithmum maritimum. Máis arriba domina o matogueiro costeiro con toxo atlántico Ulex europaeus latebracteatus e atópase tamén o torvisco Osyris alba.Entre as especies máis características da súa fauna atópase o lagarto arnal ou ocelado Timon lepidus que comparte o espazo con outros animais como o ratoeiro común Buteo buteo, o alcón peregrino Falco peregrinus, o chotacabras gris Caprimulgus europaeus e tamén aves mariñas como a gaivota patiamarela Larus michaelis e o corvo mariño moñudo Phalacrocorax aristotelis e outras aves migratorias altamente mariñas como o mascato Morus bassanus.En Cabo Udra atópase a Aula de Natureza que amosa elementos expositivos con explicacións das diferentes especies do entorno. A aula está situada nun enclave curioso xa que antigamente eran os barracóns que pertencían a unha batería militar a J-2 construída nos anos 30. Os barracóns foron rehabilitados coa intención de ser autosuficientes enerxeticamente e para iso instalaron paneis fotovoltaicos e térmicos, unha caldeira de pellets e un muíño de vento. Co paso dos anos estas instalacións deixaron de funcionar a causa do nulo mantemento. Para rodear este cabo e poder contemplar as súas peculiaridades, existe un sendeiro, o sendeiro azul, que parte da praia de Lagos, rodea o cabo e únese á senda litoral que chega ata a praia de Agrelo en Bueu. Está sinalizado con marcas azuis e brancas.
Cabo Udra é un enclave natural pertencente á parroquia de Beluso. Desde punta do Niño do corvo ata o perímetro do Cabo Udra é unha zona declarada como Zona de Especial Conservación (ZEC) Cabo Udra pertencente á Rede Natura 2000, con unhas 623ha. Está protexida tanto unha área terrestre como tamén as zonas costeiras. Xa que se atopan fondos mariños de importancia. Segundo o seu sustrato diferéncianse diferentes tipos de fondos como fondos rochosos, arenosos, fondos de maërl formado por algas calcáreas Lithotammion corallioides e Lithotammion calcareum ou fondos de cascallo formados por restos de conchas de moluscos sobre todo bivalvos e gasterópodos. Os rochedos son zonas moi poboadas por organismos capaces de sobrevivir ao embate das ondas e á turbulencia da auga, que erosiona e molda a costa. Está saturada en osíxeno e é unha zona con gran cantidade de materia orgánica. As adaptacións que estes organismos desenvolveron son elementos de protección como os caparazóns dos bígaros ou as conchas dos mexillóns, que teñen como obxectivo impedir ser esmagados polo mar; elementos de ancoraxe ao sustrato, como no caso das algas ou os mexillóns, cuxo fin é non ser arrastrados polas correntes. Mención especial teñen os fondos mariños formados pola alga Laminaria sp. É un xénero de algas pardas que se caracterizan por posuír unhas láminas grandes e correosas dispostas de maneira palmada. Esta alga ten a forma dunha gran folla plana, sostida por un longo pecíolo que se agarra ás rochas submarinas mediante unha especie de raíces, rizoides. Forman verdadeiros bosques submarinos onde se atopa unha gran diversidade de especies, o ambiente que crean dá lugar a diferentes hábitats onde as especies se poden agochar dos depredadores. Algunhas viven nas partes superiores da alga mentres que outras se atopan no fondo mariño á sombra das mesmas. Nas costas de Bueu e de Ons ten moita tradición na pesca de polbos así a propia confraría de Bueu San Martiño creou a marca colectiva de polbo procedente de pesca artesanal de "Polbo das Rías". Esta marca permite diferenciar e garantir a calidade ao consumidor do polbo que capturan. En Bueu celébrase a principios de agosto a festa gastronómica do polbo onde se pode degustar este cefalópodo de diferentes maneiras.
Aldán é unha pequena ría que se atopa entre as rías de Pontevedra e de Vigo, ambas localizadas na provincia pontevedresa. Cabo Udra, situado en Bueu, atópase no extremo sur da ría de Pontevedra, compartindo a entrada coa ría de Aldán e conta con unhas vistas incríbles á Illa de Ons. Por outra banda, en Cabo Udra, aínda se conservan unhas ruínas dun cuartel militar coñecido como Batería J2. Dito cuartel formaba parte dun sistema defensivo para paliar os ataques do século pasado. Cabo Udra é unha zona de penedos e acantilados onde destaca o seu hábitat submarino. Ademais, está declarado como Zona Especial de Conservación e forma parte da Rede Natura 2000 como un espazo protexido en Europa e conta cun Aula da Natureza. Un dos principais obxectivos desta aula pasa por aprender máis sobre os recursos naturais e culturais, mariños e terrestres de Cabo Udra. Todo iso conséguese grazas ás actividades culturais que se desenvolven nela.