Para saber máis
Porta romana mellor conservada da muralla de Lugo, coñecida tamén como Porta do Carmen por estar situada fronte á capela deste nome, aparece na documentación medieval como Miné ou Mineana, por ser a saída natural cara ao río Miño, nome que derivou no actual de Porta Miñá.
Está formada por un arco de medio punto e bóveda de canón, e protexida por dúas sólidas torres de perpiaños de granito, seguindo os cánones de Vitrubio neste tipo de fortificacións.
Situada nunha vaguada, o aparello é de perpiaños de loseta e ten 3,65 metros de ancho. Atravesando a porta, atoparemos unhas escaleiras que nos permiten subir á Muralla.
O Camiño Primitivo a Santiago deixa atrás a cidade ao saír por esta porta.