Skip to main content

Nautic Destination

A Lonxa de A Guarda

Sobre este patrimonio

A Guarda conta cunha ampla tradición mariñeira, a actividade pesqueira foi e segue sendo unha das principais fontes de ingresos e de desenvolvemento económico da zona. É de carácter tradicional a pesca de baixura, pero na actualidade ten gran relevancia económica a de altura. Así a frota guardesa de peixe espada atópase como unha das máis importantes de España. Ubicada no peirao da vila de A Guarda, a Lonxa responde a un edificio moderno construído en ladrillo e cemento nos anos 80. Conta con portalóns laterais para as tarefas de carga e descarga. É o recinto dedicado á subasta do marisco e peixe. Obrigatoriamente é onde se efectúa a primeira venda de todos os produtos da pesca e o marisqueo responsabilidade dos titulares da autorización ou concesión das lonxas como as confrarías, as cooperativas, as vendedurías, ou mesmo a propia Autoridade Portuaria nalgúns casos. É nesta primeira venda cando se lle pon o prezo de saída ao produto e se etiqueta por primeira vez. Na etiqueta ten que especificar a zona de captura, os datos de contacto, nome común e científico da especie, o peso, o método de produción e presentación que especifica se o produto é salvaxe ou de acuicultura, datos do buque e a arte de pesca, data de captura e expedición, marca Pescaderías e código de trazabilidade. Dita marca poderá acompañar ao produto durante todo o proceso de comercialización sempre que os demais operadores da cadea sexan tamén usuarios certificados. O etiquetado informa da trazabilidade do produto e axuda á elección do peixe e/ou marisco asegurando que a compra é dun produto local fresco e de calidade. Na Lonxa de A Guarda atópanse capturas de peixe e marisco como polbo, robaliza, merluza, raia, abadejo, linguado ou o percebe segundo a tempada. É unha das poucas lonxas galegas nas que podemos atopar lamprea durante a súa tempada. Actualmente a poxa é electrónica e só poden participar os profesionais acreditados. É posible visitala os días laborables a partir das 16:00h e coñecer in situ a actividade da lonxa e os produtos ofertados. A zona do porto pesqueiro é característica polas súas casas típicas mariñeiras, estreitas, de varios pisos e de gran colorido, que xunto cos diques configuran o Porto como un animado punto de encontro. É recomendable o paseo a pé ou en bicicleta polo Paseo Marítimo e a Senda Litoral onde se goza da vista da fachada atlántica de A Guarda. Neste porto celebrouse o XIV Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, organizado por Culturmar, (Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial) organización que naceu no ano 1993.

Para saber máis

A lonxa de A Guarda é un lugar de atractivo pola subasta de peixe e percebe e pola posibilidade de ver os barcos descargando no porto ou arranxando as redes para saír a faenar. Situada no peirao da vila de A Guarda, a Lonxa responde a un edificio moderno construído en ladrillo e cemento nos anos 80. Conta con portalóns laterais para as tarefas de carga e descarga. A Confraría de Pescadores 'Santa Tecla' de A Guarda é unha organización intimamente relacionada coa lonxa cuxo obxectivo común é actuar como órgano consultivo e colaborativo coa Administración en asuntos de interese xeral, en referencia á actividade de pesca extractiva e a súa comercialización, especialmente nos sectores de artesanía e lecer, co seu propio patrimonio específico, goberno propio e representación. Tamén é de destacar o labor das Redeiras do Baixo Miño Atalaia" que desenvolven a súa actividade profesional nunha caseta na Nave de Redes dentro do porto de A Guarda. Están especializadas na confección, armado, preparación e mantemento de diferentes artes e aparellos de pesca como Artes Menores, Lampreiras e Sableiras. Para diversificar o seu labor tamén traballan realizando dous tipos de actividades como talleres escolares divulgativos onde se dan a coñecer os oficios do mar de A Guarda e a importancia que teñen para o desenvolvemento económico na zona e as visitas para turistas e público en xeral cuxo fin está centrado en dar a coñecer ao público o traballo, oficio, cultura e tradición das redeiras. O punto de encontro é a propia caseta de traballo da asociación. É interesante coñecer tamén os produtos de artesanía realizados utilizando técnicas artesanais propias do seu traballo, pero adaptadas a complementos persoais como bolsas, bragas de pescozo, colgantes, pendentes, broches e tocados os cales están identificados co distintivo de Artesanía de Galicia. Neste porto celebrouse o XIV Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, organizado por Culturmar, (Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial) organización que naceu no ano 1993. Algunhas das embarcacións tradicionais típicas na zona de Rías Baixas son: a Dorna, fabricada en madeira formando un tingladillo e caracterízase pola súa navegabilidade tanto a remos como a vela. Crese que ten unha procedencia vikinga polo seu parecido ao drakar utilizado polos escandinavos. Os restos destas embarcacións, deixadas durante as invasións que tentaban asediar a costa, fixeron de patrón para que os carpinteiros navais crearan esta nova embarcación na época. Outra das embarcacións é o Galeón galego ou Galeón das rías que polo seu gran tamaño se utilizaba para o transporte de mercadorías e pesca entre os principais portos de Galicia. Construídos con madeira de carballo e piñeiro, foron utilizados aproximadamente ata a época dos 60 do século XX e moitos deles foron empregados posteriormente como bateas de mexillón nalgunha das rías de Galicia. A Trainera orixinaria da costa cantábrica que chegou a Galicia sobre 1900, coincidindo co auxe da industria da salga. A trainera empezouse a utilizar, principalmente, para as labores de pesca de sardiña e xurel. Contaba con entre 6 e 8 bancadas, impulsada a remo ou a vela caracterizábase pola súa fácil adaptabilidade e lixeireza. É moi frecuente ver competicións de traineras tanto en Cantabria como en Galicia ou o País Vasco. E non esquecer a Gamela, unha das embarcacións máis antigas que se empregou ata fai pouco polos mariñeiros de A Guarda na pesca de baixura ou como embarcación auxiliar doutra maior. Trátase dunha embarcación pequena, de madeira de uns 5 metros. Ten proa e popa achatadas e con fondo plano que se despraza a remo ou a vela. Actualmente a zona de popa está modificada para poder adaptar un motor fóra borda.

Para coñecelo mellor

O municipio de A Guarda, na provincia de Pontevedra, foi sempre moi famoso pola súa actividade pesqueira e polo marisqueo. Durante moitos anos, a súa costa destacou polo seu oleaxe e marcou o futuro de familias de mariñeiros. O porto de A Guarda, protexido por un malecón e rodeado do casco antigo, conta cunha lonxa, situada no seu peirao. Alí subástase o peixe e o marisco capturado neste mesmo municipio. En cada porto pesqueiro adoita haber unha lonxa. Aparte de converterse nun punto de reunión e encontro para os comerciantes, este é o lugar onde os profesionais teñen que realizar, de modo obrigatorio, a primeira venda de todos os produtos. Actualmente, a lonxa xéstaa a Confraría de Pescadores de Santa Tecla e a súa subasta é electrónica. Só poden participar nesta actividade comercial aquelas persoas usuarias que teñan permitido o acceso.

Galería

A Lonxa de A Guarda

Localización

Localidade
La Guardia
Concello
A Guarda
Provincia
Pontevedra
País
España

O ben

Tipo
Lonxa
Eco-destino
Ría de Vigo
Contorna
Urbano
Relevancia
Rexional

Como chegar

Acceso
Por mar Por terra
Distancia
1 minuto

A visita

Visitábel
Si
Interpretación
Non
Accesible
Aparcadoiro
Sinalizado
Si

Coordenadas

Latitud
41.89821500
Longitud
-8.87636000