Os castros de Neixón atópanse nunha pequena península situada no interior da ría de Arousa, concretamente nunha das zonas máis no interior da mesma, situada ao NNE. A súa situación é estratéxica en relación co circuíto comercial marítimo; ao mesmo tempo hai que poñer en relación o seu emprazamento coa riqueza mineira da zona. Esta zona conseguiu un importante desenvolvemento local da metalurxia do bronce e do ferro durante gran parte do primeiro milenio a. C., o que vén a coñecerse como a Idade do Ferro, momento no que se desenvolve a chamada cultura castrexa. Os primeiros estudos a principios do século pasado, a raíz de uns achados sorprendentes realizados por afeccionados e eruditos relacionados coa zona, desatan o interese de investigadores pertencentes a distintas institucións académicas e científicas. O interese destes intelectuais vén determinado porque en Neixón se detectara unha ocupación humana na transición entre a Idade do Bronce e a Idade do Ferro, configurándose o Neixón Pequeno como un dos castros con ocupación máis tardía de todo o Noroeste peninsular. Ao mesmo tempo, nestes primeiros estudos poñense de relevo a existencia dunha importante actividade metalúrxica fundamentalmente do bronce, aínda que con presenza de fundición de ferro. Posteriormente, na década dos 70 coa aparición dos aríbalos (contenedores de aceites aromáticos feitos en vidro policromado de orixe púnico) confírmase que Neixón mantía contactos comerciais a longa distancia, concretamente co mundo mediterráneo. Na década dos 80 o complexo arqueolóxico de Neixón convértese nun espazo degradado e marginal; ábrense pistas, fanse plantacións forestais e aparecen numerosas escoberradas de lixo. En 1996 arrinca unha nova etapa para Neixón, dado que a Administración autonómica xunto coa municipal valoran a posibilidade de revalorizar o complexo arqueolóxico. Con posterioridade, arredor do ano 2000 e ao amparo do proxecto de creación da Rede Galega do Patrimonio Arqueolóxico (2001), consolídanse e restitúense parte das estruturas arqueolóxicas postas a ceo aberto desde os inicios do século XX. No 2003 comezan de maneira sistemática escavacións arqueolóxicas coa intención, entre outras, de caracterizar o xacemento arqueolóxico e seguir co proceso de revalorización do complexo arqueolóxico, e que continúan na actualidade.
Segundo os estudos máis recentes, no Castro Grande de Neixón téñense testemuño de tres momentos de ocupación diferenciados; unha ocupación pre-romana (Fase I), outra romana (Fase II) e finalmente unha tardo-romana (Fase III).
Fase I. (S.V-II a. C.) Neste primeiro momento de ocupación no Castro Grande, os seus habitantes entran en contacto cos circuitos comerciais púnicos e con outras zonas produtoras do mundo castrexo, cun comercio a curta, media e longa distancia. Nesta primeira fase, parece que o recinto principal do Castro Grande serviu, en gran medida, como un gran espazo dedicado ao almacenamento de excedentes, como o demostra a gran cantidade de fosas ou silos de almacenaxe que se localizaron nas zonas intervindas nos últimos anos.
Fase II. Coincide co cambio de era s. I a. C -II d. C.; momento álxido no que comeza a aparecer gran cantidade de produtos procedentes dos circuitos comerciais romanos; igual que ocorre en castros como Santa Tegra, Castro de Vigo, Facho de Donón, La Lanzada, etc.
Fase III. Coincide cronoloxicamente coa crise de finais do século III do Imperio romano, para acabar abandonado o castro arredor do s. IV-V d.C.
Dende un punto de vista fisionómico o recinto principal presenta unha planta lixeiramente oval, con 95 metros en sentido Norte-Sur e 105 metros no eixo Este-Oeste.
O recinto superior do Castro Grande foi levantado de novo cara os séculos V-IV a. C. No cambio de era prodúcese unha reestruturación urbana, o nivel de ocupación máis antigo é claramente desmantelado, e empregarase o material para encher a entrada sureste. Consérvanse fóra da acrópole, tanto no sector oriental como no occidental, así como no espazo existente entre os dous castros, terrazas que poderían ser unha zona de hábitat ou elementos do sistema defensivo, como ocorre cunha foxa aberta nas proximidades do acceso sureste na que a súa funcionalidade se podería xustificar como configuración das terrazas anexas a modo de acondicionamento de socalcos, ou mesmo como delimitación do espazo ou unha posible explotación mineira, ou mesmo como parte do sistema defensivo.
O maior porcentaxe de restos de materiais recuperados son de natureza cerámica, e maioritariamente correspóndense con elementos que se empregaban na vida cotiá dos habitantes de Neixón, como son potas para a elaboración de comidas ou para o almacenamento de produtos diversos.
Así mesmo, recuperáronse cerámicas de imitación púnica como o ungüentario recuperado no fosso, e mesmo algunha de tradición ibérica. Ademais dos restos cerámicos, tamén se recuperaron abundantes utensilios feitos en rocha, como son pulidores, machados, pesas, muíños, etc.; para os cales se empregaron materias primas locais como o guijarro, esquisto e cuarcita.
Tamén se recuperou un conxunto moi importante de elementos feitos en metal, fundamentalmente en bronce (fíbulas, agullas, colgantes, etc.).
Os habitantes do Castro Grande de Neixón tiñan como un dos recursos fundamentais para a súa subsistencia a gandería. Formaban parte da súa cabana gandeira especies como as ovellas, cabras, porcos e vacún. As ovellas e cabras constituían o grupo máis abundante, se ben o vacún subministraba un maior volume de carne, mentres que o porcino ocupaba o terceiro lugar en importancia. O aproveitamento das ovellas e cabras parece que tivo como finalidade exclusivamente o abastecemento de carne.
Os antigos poboadores de Neixón precisaron de madeiras, ben fose para obter combustible para facer lume, ou ben para confeccionar estruturas e artefactos; empregaron especies arbóreas e arbustivas, tendo certa preferencia pola madeira de carballo.
Segundo os datos dispoñibles sobre o Castro Pequeno, confírmase unha continuidade da ocupación entre a idade do bronce e a do ferro. Posiblemente nun primeiro momento, o Castro pequeno de Neixón, foi unha pequena aldea aberta, delimitada unicamente por un pequeno foxo cara a zona peninsular aproveitando as condicións naturais do terreo.
Neste xacemento constátase o paso dunha arquitectura feita con materiais perecedeiros a outra constituída por cabanas de planta circular con zócalos de pedra, paramentos de adobe, e cuberta de palla que son características dos primeiros momentos da idade do ferro.
Na zona intervinda recentemente atopouse un conxunto de tres cabanas, unha delas con zócalo feito en pedra, e as outras foron feitas con materiais perecedeiros, conservándose só os calzos e buratos dos postes e un fogón.
Tamén é significativa a concentración de restos de bronce, e de anacos de moldes cerámicos para fundición de bronce, habéndose documentado todo o proceso ou cadea técnico-operativa do proceso metalúrxico.
Foron recuperados un total de 26 anacos de crisol e 6 moldes, ademais de numerosos artefactos elaborados en metal: fíbulas, pezas de caldeiro, varillas, coitelo ou navalla.
As visitas están adaptadas para persoas con discapacidade visual.
Boiro é un municipio costeiro ubicado na comarca do Barbanza, na provincia da Coruña. Este municipio das Rías Baixas, bañado pola Ría de Arousa, conta cunha ampla variedade de praias como as de Carragueiros e a de Barraña. Así mesmo, unha das visitas costeiras máis populares da zona é o Cabo de Cruz e a enseada de Barraña. Ademais, Boiro está próximo de lugares como A Pobra do Caramiñal, Rianxo e Ribeira.
Este municipio, conta cun pasado celta tan característico da nosa zona. Podemos atopar pegadas celtas en Cespón, máis concretamente nos Castros de Neixón. Estes poboados fortificados, datados na Idade do Bronce e Idade do Ferro, corresponden aos séculos V a.C. e o s. IV d.C. É importante lembrar que foi declarado pola Xunta de Galicia como Ben de Interese Cultural no ano 2011.
Os Castros de Punta Neixón foron uns dos primeiros xacementos arqueolóxicos galegos escavados durante o século XX e principios do século XXI, e participaron neles os que hoxe en día se consideran parte dos pais da arqueoloxía galega, D. Fermín Bouza Brey e D. Florentino López Cuevillas.
As principais características destes castros son:
O Castro Pequeno ten signos de ocupación máis antigos e segundo estudos, a súa construción pasou por unha arquitectura con materiais máis duradeiros a outra caracterizada pola época castrexa: cabanas de planta circular con zócalos de pedra, parapetos de barro e madeira e cubertas de palla. Por outra banda, a unha distancia de 100 metros, atopamos o Castro Grande. Un castro que, seguramente, se habitou unha vez abandonado o pequeno.