A Zona de Especial Protección para as Aves ZEPA Complexo Intermareal Umia- O Grove, A Lanzada, punta Carreirón e lagoa Bodeira é unha extensión de 2813 ha incluída na Zona de Especial Conservación Complexo Ons- O Grove. Ademais de ser ZEPA tamén ten outras figuras de protección como Zona de Especial Protección dos Valores Naturais (ZPVN), Zona Ramsar e integrado na Zona de Especial Conservación (ZEC) Complexo Ons- O Grove. A ZEPA atópase repartida polos termos municipais de Cambados, O Grove, Illa de Arousa, Meaño, Ribadumia e Sanxenxo.Integra unha rica variedade de ecosistemas con características que constitúen unha selección dos hábitats máis destacados do litoral galego. Os hábitats mariños e costeiros, constitúen o grupo maioritario; hábitats costeiros con vexetación halofítica considerado como grupo prioritario as lagoas costeiras; dunas marítimas e continentais. Especies de aves migratorias e nidificantes como o Chorlitejo patinegro (Charadrius alexandrinus), o Ostrero (Haematopus ostralegus), o Mazarico rabipinto (Limosa lapponica), Píllara cenicienta (Pluvialis squatarola), Pardela mediterránea (Puffinus mauretanicus). De feito, está considerado pola SEO como un dos lugares de invernada e paso de aves acuáticas máis importante do litoral norte peninsular.O istmo de A Lanzada, ademais de unir O Grove co continente, é o punto de unión de dous ecosistemas de rica biodiversidade mariña. Os mamíferos mariños como a marsopa (Phocoena phocoena), o golfiño (Delphinus delphis) e o golfiño mular (Tursiops truncatus) teñen presenza común nesta zona.Pola banda interior, esténdese unha gran chaira que se cobre cando a marea sobe e queda ao descuberto con marea baixa. Coñécese como enseada de O Vao e nela atópase a illa de A Toxa e as praias de O Grove. Destacan os fondos lamosos, arenosos e prados de vexetación mariña.
O río Umia forma un amplo estuario na súa desembocadura no Complexo Intermareal Umia-O Grove, facendo un trazado sinuoso para atravesar a extensa chaira costeira.A intensa dinámica das mareas xunto coa acción do río Umia dá lugar á formación de depósitos sedimentarios finos, arenoso-lamosos, ao longo do cauce e áreas de marisma nas súas marxes creando formas e texturas que se modifican coa acción das mareas.O río discorre por unha ampla chaira costeira e recibe augas de diferentes regatos como o de Armenteira, da Fonte Espiña de Tabueiros polo sur ou o Río Belos polo norte configurando en conxunto unha cunca con suaves pendentes que aumentan progresivamente cara á cabeceira. O uso agrícola da zona é maiormente uso vitícola de uva de albariño coa Denominación de Orixe Rías Baixas que se combinan con outros cultivos como invernadoiros e outras froiteiras como é o kiwi.Por este río pasa o PR-G173 Ruta do río Umia que percorre o río desde o entorno do Pazo de Barrantes ata a ponte Arnelas. Seguindo a cunca e cruzando o río en varias ocasións: na ponte de Cabanelas, na de Santa Marta e na de Ponte Arnelas. É un percorrido completamente plano. Adéntrase entre viñedos da D.O Rías Baixas cultivados en parras. O sendeiro ofrece varios lugares onde poder descansar e gozar das vistas.O punto final do percorrido é a ponte Arnelas, ponte que foi reconstruída en 1598 por Felipe II.
O Complexo Intermareal Umia-O Grove atópase na provincia de Pontevedra, e máis concretamente entre as rías de Pontevedra e de Arousa. Este humidal está formado por tres partes diferenciadas: a desembocadura do río Umia -incluíndo a praia e o sistema dunar de A Lanzada-, a lagoa Bodeira (lagoa de auga doce) e, por último, a Punta Carreirón -localizada no extremo sur da Illa de Arousa-.No espazo é posible atopar 14 tipos de hábitats. Entre eles cabe destacar as lagoas, costeiras e dunas grises, que son Hábitats Prioritarios.Este complexo compón unha zona que está declarada como Zona Húmida de Importancia Internacional. Ademais, este espazo conta co título de Zona de Especial Protección dos Valores Naturais, Lugar de Importancia Comunitaria, Zona Especial de Protección das Aves e está declarado como Zona Ramsar, cuxo obxectivo principal é a conservación destes humidais.Ademais, é a zona húmida máis importante da nosa comunidade autónoma. Por iso, debemos coidala entre todos, evitando molestar ás diferentes especies.