Benvidos a Goián, unha parroquia do concello de Tomiño, na comarca galega do Baixo Miño. Aquí, á beira do río, atópase a maxestuosa fortaleza de San Lourenzo, un recinto amurallado do século XVII con planta estrelada e construído en sólido granito.
A súa orixe está ligada aos constantes enfrontamentos entre españois e portugueses. En 1663, as tropas lusas invadiron Goián e ocuparon o antigo Fortín da Barca. Con todo, tras o Tratado de Paz de Lisboa en 1668 abandonárono. Tres anos máis tarde, por orde de Mariana de Austria, ergueuse no mesmo lugar a actual fortaleza, cunha misión clara: controlar o embarcadoiro fronteirizo e vixiar á próxima vila de Vilanova de Cerveira, xusto ao outro lado do Miño.
Co paso do tempo, a fortaleza perdeu a súa función militar e quedou cuberta pola maleza. Paradoxalmente, ese abandono axudou a conservala en moi bo estado. Grazas ao esforzo dos veciños e veciñas de Goián e á Asociación Eliseo, foi recuperada e declarada Ben de Interese Cultural.
En 2012 inaugurouse o Espazo Fortaleza, deseñado polo arquitecto Pablo Gallego Picard, un espazo aberto ao público que recibiu premios de arquitectura, urbanismo e paisaxe. Hoxe en día, ademais do seu valor histórico, a fortaleza é un lugar de encontro e lecer: conta con praia fluvial, parque infantil, bar e un punto de información para concertar visitas guiadas. Un enclave perfecto para gozar da paisaxe, a historia e a vida á beira do río Miño.