Skip to main content

Nautic Destination

Illas de Ons. Flora xeral e parque xeral

Sobre este patrimonio

A illa de Ons é un arquipélago que pertence ao Parque Nacional Mariño Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia (PNMTIAG). Está formado por dúas illas máis grandes que corresponderían con Ons e Onza (ou Onceta) e o illote Freitosas. Pertence ao concello de Bueu. A súa superficie é de 2.641 hectáreas das cales 470 ha terrestres e 2.171 ha mariñas, o que dá unha clara evidencia de que este Parque Nacional é representativo dos ecosistemas mariños costeiros do Océano Atlántico. Posúe outras figuras de protección como Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) e Zona de Especial Conservación (ZEC) Complexo Ons-O Grove". A illa de Ons pódese visitar mentres que as outras que conforman o arquipélago serían zona de reserva. Consta de catro rutas principais de carácter circular que percorren a illa. O arquipélago ten un perfil suave e chan, predominan grandes extensións de toxo con formacións illadas de eucaliptos, acacias, piñeiros, e pequenas manchas de salgueiro en zonas máis abrigadas e con maior espesor do solo. Os seus cantís presentan formacións almofadadas de armería Armeria pubigera e debido ás colonias de aves que viven na illa posúen un achegue maior de nutrientes e atópase maior diversidade de flora de cantil como a camomila mariña Matricaria maritima subsp. maritima. A vexetación na illa vese moi condicionada polos ventos, elevada salinidade, aridez estival e o escaso desenvolvemento do solo. O ecosistema de matogueira costeira predomina na illa, situado na parte superior do cantil, a cintura menos influenciada polas salpicaduras. En Ons aparecen brezais húmidos higrófilos, que medran en solos máis profundos e húmidos, destacan o breixo Erica ciliaris e o cardo Cirsium filipendulum e sobre todo o toxo Ulex europaeus subsp. latebracteaus. Outro tipo de vexetación de matogueira está composto polas retamas abundantes en Ons e atópase unha en especial, endemismo exclusivo do Parque Nacional, a retama Cytisus insularis. Son curiosas as formacións de endrino Prunus spinosa que corresponden a etapas anteriores á vexetación arbórea natural, e poderían considerarse como comunidades espinosas autóctonas de orla de bosque. Os principais vestixios de bosque autóctono en Ons están constituídos polos salgueiros Salix atrocinerea que forman pequenas manchas, algún carballo melojo na parte norte Quercus pyrenaica e tamén medran sabugueiros Sambucus nigra, castiñeiros Castanea sativa ou loureiros Laurus nobilis. As praias e as dunas tamén son hábitats que soportan altas insolacións e unha elevada sequidade e salinidade. O substrato é moi pobre en nutrientes e debido aos ventos e á lixeireza das areas sofren movementos e cambios. As plantas dunares presentan adaptacións para poder sobrevivir a estas condicións. A comunidade máis próxima á praia caracterízase por unha asociación vexetal na que destaca a oruga de mar Cakile marítima acompañada por honquenia Honkenya peploides e corregüela mariña Polygonum maritimum entre outras. O primeiro fronte dunar ou dunas primarias é o que se sitúa máis preto da costa, nunha zona moi exposta á dinámica mariña. Alí instálase fundamentalmente a herba mariña Elytrigia juncea subsp. boreali-atlanticus, que coas súas longas raíces é capaz de fixarse ao substrato e soportar tanto o efecto do oleaxe durante as mareas vivas como do vento e desta forma ir fixando area tras de si. Acompáñana outras especies como o cardo mariño Eryngium maritimum ou a corregüela mariña Calystegia soldanella. As dunas secundarias forman o segundo cordón dunar, máis protexido que o primeiro e atópanse especies como o barrón Ammophila arenaria que coloniza as crestas dunares grazas ás súas raíces de ata 4 metros de profundidade e outras especies como a algodonosa Otanthus maritimus, a corregüela e a leitetrezna Euphorbia paralias.

Para saber máis

O arquipélago de Ons sitúase na Rexión Eurosiberiana, Superprovincia Atlántica, Provincia Atlántica-Europea e dentro do Sector Galaico-Portugués ocupa o Subsektor Miñense, indicando este último, un clima marcadamente mediterráneo, cunha maior sequía estival que outras áreas.

A vexetación que vive tan próxima ao mar ten que soportar dificultades como é a elevada salinidade deste medio, fortes ventos, salpicaduras das ondas, solos moi porosos con escasa capacidade de retención de auga e nutrientes, forte insolación debida á reflexión da area, mobilidade do sustrato arenoso, etc.

As plantas poden sobrevivir grazas a que presentan adaptacións como ao vento co seu crecemento almofadillado. Son formacións vexetais redondeadas e pegadas ao chan para resistir os ventos como a subespecie de toxo que se atopa na illa Ulex europaeus subsp. Latebracteaus ou as armerías que medran nos cantís Armeria pubigera.

Tamén se atopan adaptacións á insolación co desenvolvemento de cores blanquecinas, pelos, recubrimentos de ceras ou cutículas engrosadas. Deste xeito reflicten a luz e non lles incide directamente. A algodónosa Otanthus maritimus é unha planta dunar cuberta enteiramente de pelos.

A seca é outro dos factores limitantes así que nas praias e dunas desenvolven longas raíces para captar auga, como o barrón Ammophila arenaria subsp. Australis ou estruturas para almacenar auga, como bulbos ou tubérculos da azucena de mar Pancratium maritimum ou as follas engrosadas da oruga de mar Cakile marítima. E para evitar a perda de auga desenvolven mecanismos que reduzan a transpiración como reducción da superficie foliar, follas duras e puntiagudas ou ceras protectoras. Ademais das problemáticas xa comentadas, a vida na area presenta outras dificultades. É un sustrato móbil que se despraza co vento, de xeito que deixa ao descuberto raíces ou enterra as plantas, que por outra banda sofren a escaseza de nutrientes.

O reforzamento dos tecidos, desenvolvemento de longas raíces, diminución do tamaño foliar ou a asociación con bacterias fixadoras de nitróxeno, son algunhas das adaptacións para contrarrestar eses efectos. Vense en plantas como a Linaria Linaria polygalifolia subsp. polygalifolia ou o Carrasco bravo Helichrysum italicum subsp. Serotinum.

A proximidade ao mar produce unha alta salinidade, aquí medran plantas halófilas especializadas nestes medios que presentan un aspecto carnoso posto que acumulan sales e auga nas súas células para compensar así as concentracións co exterior e facilitar a absorción de auga, tamén a redución da superficie foliar como a Salicornia perennis e a Salicornia ramisissima.

Para coñecelo mellor

O Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia está formado polos arquipélagos de Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada e as augas mariñas dos seus contornos naturais. O de Ons sitúase fronte á ría de Pontevedra -na provincia do mesmo nome- e está formado por dúas illas: Ons, de maior tamaño e aínda poboada, e Onza, a máis pequena.

Un dos principais atractivos da illa de Ons é o seu espectacular contorno natural. As persoas que se acheguen a este lugar poderán gozar de diferentes rutas que lles levarán a descubrir as súas praias, paisaxes e os seus cantís. A flora da illa está composta, na súa maioría, por matogueira con fentos, breixos, endrinos, hiniestas e toxos. As especies de árbores redúcense a salgueiros e amieiros, aínda que se poden atopar eucaliptos, piñeiros e carballos melojos nalgunhas zonas. Ademais, tamén conta cunha especie de planta lenñosa de case 2 metros de altura coñecida como "xesta" ou retama que acompaña aos toxos nos cantís. A xesta de Ons, actualmente atópase en perigo de extinción, pois só a podemos ver nesta illa ou na de Sálvora.

Galería

Illas de Ons. Flora xeral e parque xeral

Localización

Localidade
Bueu
Concello
Bueu
Provincia
Pontevedra
País
España

O ben

Tipo
Illa
Eco-destino
Ría de Pontevedra
Contorna
Natural
Relevancia
Internacional

Como chegar

Acceso
Por mar Por terra
Distancia
0 km

A visita

Visitábel
Pódese visitar todo o ano, previamente deberán contar coa autorización da Xunta de Galicia para visitar o parque natural.
Interpretación
Ao final do peirao de acceso atópase un panel informativo cun mapa do arquipélago cos servizos, puntos de interese e itinerarios. Pódese descargar un mapa e catálogo de rutas do Parque Natural na web do Parque Nacional Illas Atlán
Accesible
No
Aparcadoiro
No

Coordenadas

Latitud
42.37720200
Longitud
-8.93143100