A illa de Ons é un arquipélago que pertence ao Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia (PNMTIAG). Está formado por dúas illas máis grandes que corresponderían con Ons e Onza (ou Onceta) e o illote Freitosas.Polo seu tamaño e posibilidades Ons é a illa visitable, mentres que Onza e o resto de illotes pertencen a Zona de Reserva do parque. Os camiños sinalizados amosan os tesouros da mesma. Na ruta sur, atópase o miradoiro de Fedorentos, chamárono así porque se acumula cantidade de algas procedentes das correntes que despois se descompoñen na pequena cala de fedorentos e o cheiro sobe ata o camiño. Dende o miradoiro véñense unhas vistas espectaculares. Xusto enfronte sitúase a illa de Onza, é unha illa sen camiños e pobrada totalmente por matogueira costeira. Detrás, máis afastadas atópanse as illas Cíes pertencentes tamén ao PNMTIAG. Cara á costa véñense os cabos salientables, que nun día de boa visibilidade chegan a verse ata Cabo Silleiro cabo situado máis ao sur de Galicia. Diante de Cíes preséntase o cantil de Costa da Vela dominado polo Monte Facho. É un cantil abrupto onde as ondas chocan con forza. Despois viría a ría de Aldán que remata en Cabo Udra e detrás comeza a ría de Pontevedra. Dende o mar, veríase a enseada de Fedorentos que forma unha pequena cala de areas brancas e, unha cova mariña, a furna de Fedorentos.Continuando o itinerario da ruta sur e paseando entre unha extensión de matogueira costeira composta por diferentes especies capaces de sobrevivir a estas condicións extremas de vento, salinidade e exposición solar. Atópase unha bifurcación que baixa ata unha zona chamada Buraco do Inferno.
A poboación da illa sempre estivo desvinculada dos avances en terra, isto xerou numerosas supersticións e lendas que daban explicación aos fenómenos que ocorrían e que non comprendían. Na cova chamada Burato do Inferno o son das ondas ao bater e entrar pola mesma en días de temporal durante anos aterrou aos habitantes da illa durante moito tempo. Estes pensaban que eran os berros e gemidos das persoas que quedaron á mercede do demo. En realidade, posiblemente fose unha combinación entre o son da auga e os berros dunha colonia de aves que anidaba dentro.No mesmo lugar véxese unha cruz branca en memoria dun gardamarina que morreu ao resbalar no bordo e caer dentro da cova. O lugar está protexido para non achegarse e correr a mesma sorte.A vexetación na illa vese moi condicionada polos ventos, elevada salinidade, aridez estival e o escaso desenvolvemento do solo. Neste punto o ecosistema de matogueira costeira predomina. Está situado na parte superior do cantil e é a cintura menos influenciada polas salpicaduras. En Ons aparecen brezais húmidos higrófilos, que medran en solos máis profundos e húmidos, destacan o breixo Erica ciliaris e o cardo Cirsium filipendulum e sobre todo o toxo Ulex europaeus subsp. Latebracteaus. Outro tipo de vexetación de matogueira está composto polas retamas abundantes en Ons e atópase unha en especial, endemismo exclusivo do Parque Nacional, a retama Cytisus insularis.Son curiosas as formacións de endrino Prunus spinosa que corresponden a etapas anteriores á vexetación arbórea natural, e poderían considerarse como comunidades espinosas autóctonas de fío de bosque.
O arquipélago de Ons sitúase fronte á ría de Pontevedra e está formado por dúas illas: Ons, de maior tamaño e aínda poboada e Onza, máis pequena.Na illa de Ons pódese gozar da natureza no seu esplendor, das súas praias, paisaxes, cantís... Grazas ás diferentes rutas dispoñibles tamén se ofrece a posibilidade de descubrir a illa de punta a punta. Unha das paradas imprescindibles é a visita ao Buraco do inferno, do cal se contan diferentes lendas e pódese gozar de unhas vistas impresionantes. Este espazo, que a día de hoxe se atopa protexido para a seguridade dos visitantes, comprende unha fenda vertical que conecta directamente co mar. Segundo contan, aínda se poden escoitar neste lugar os berros de almas que levou o demo. Ademais, tamén se atopa unha cruz branca para lembrar a un gardamarina que resbalou e caeu no seu interior.Por outra banda, a illa de Ons conta con quilómetros de cantís. Entre eles, cabe mencionar uns moi especiais que formaron unha especie de furnas; é dicir, covas mariñas producidas pola erosión do mar en zonas máis debilitadas. De feito, o Buraco do inferno é unha delas. Existen unhas 33 furnas ou covas mariñas neste arquipélago, entre as que destacan o Estripeiral, o Xubenco, o Centolo, a cova do Lobo, o Castelo e as Coviñas.