Sálvora pertence ao Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia (PNMTIAG) polos seus valores excepcionais de conservación. Os fondos oceánicos que rodean o Parque Nacional presentan unha alta biodiversidade e representan un exemplo de ecosistemas Atlánticos. Dentro do Parque Nacional o 86% do mesmo constitúeno os fondos oceánicos fronte ao 14% que constitúe a parte terrestre. En España existen 15 Parques Nacionais e as Illas Atlánticas de Galicia constitúen, xunto co Arquipélago de Cabrera no Mediterráneo, un dos dous Parques Nacionais Marítimo Terrestres que existen actualmente no noso país. Segundo o seu substrato diferéncianse diferentes tipos de fondos como fondos rochosos, arenosos, fondos de maërl formado por algas calcáreas Lithotammion corallioides e Lithotammion calcareum ou fondos de cascallo formados por restos de cunchas de moluscos sobre todo bivalvos e gasterópodos. Un tipo de fondo especial é o formado pola Zoostera Zoostera marina que é unha planta herbácea mariña da familia das zosteráceas. De raíces fibrosas, talos con moitas ramas e follas estreitas. Non son realmente algas verdes, senón que fanerógamas mariñas, pertence ao grupo das plantas con flor. É propia de substratos brandos (limos, ou cascallo) onde desenvolve pradeiras submarinas que son de gran interese ecolóxico. En Sálvora atópase unha pradeira de Zoostera nas inmediacións da praia do Almacén e de todo o Parque Nacional é a que presenta maiores valores de cobertura e de densidade así como de anchura das follas. As pradeiras de Zoostera marina albergan unha enorme biodiversidade.
Segundo o seu substrato diferéncianse diferentes tipos de fondos como fondos arenosos, fondos de maërl ou fondos de cascallo formados por restos de cunchas de moluscos sobre todo bivalvos e gasterópodos. Os rochedos son zonas moi poboadas por organismos capaces de sobrevivir ao embate das ondas e á turbulencia da auga, que erosiona e molda a costa. Está saturada en osíxeno e é unha zona con gran cantidade de materia orgánica. As adaptacións que estes organismos desenvolveron son elementos de protección como os caparazóns dos bígaros ou as cunchas dos mexillóns, que teñen como obxectivo impedir ser esmagados polo mar; elementos de ancoraxe ao substrato, como no caso das algas ou os mexillóns, cuxo fin é non ser arrastrados polas correntes. Outro tipo de fondo son os formados por area como substrato. Fórmanse en zonas nas que a auga perde forza e deposita os sedimentos arenosos que arrastraba no seu seo ao tempo que os ía erosionando. Os fondos de maërl, palabra de orixe bretón refírese a un tipo de fondo formado por algas calcáreas con forma de arbúsculos máis ou menos libres e fortemente calcificados. As especies que forman o maërl son Lithotammion corallioides e Lithotammion calcareum. A súa forma e a acumulación en vertical ofrecen unha intricada rede de refuxios que permite que estes fondos alberguen unha gran diversidade animal. Así nestes fondos atópanse poboacións de bivalvos como a ameixa rubia (Venerupis rhomboides), o reloxo (Dosinia exoleta), a volandeira (Aequipecten opercularis) ou a vieira (Pecten maximus). Tamén atópanse gasterópodos como a peonza maga (Gibbula magus), cangrexos ermitaños da especie Anapagarus hyndmany, ou o cangrexo porcelana (Pisidia longicornis). Pola súa variedade e abundancia destacan ademais os poliquetos e pequenos crustáceos como anfípodos e isópodos, e entre os peixes destacan os lanzóns (Ammodytes tobianus) e o anfioxo (Branchiostoma lanceolatum). Os fondos de maërl son considerados a nivel europeo un hábitat costeiro de alto valor ecolóxico, pola súa elevada diversidade faunística e algar e por ser zonas de gran produtividade. Os fondos de cascallo están formados por restos de cunchas de moluscos, sobre todo bivalvos e gasterópodos. Estes restos forman unha capa de varios centímetros de espesor na que viven enterrados a maioría dos animais que aquí habitan. Neste substrato escóndese unha variada fauna de bivalvos como a vieira (Pecten maximus) a zamburiña (Chlamys varia), a ameixa rubia (Venerupis romboides), o berberecho (Cerastoderma edule), a navalla (Ensis spp.) ou o reloxo (Dosinia exoleta); cefalópodos como son a sepia (Sepia officinalis) ou o polbo (Octopus vulgaris); cangrexos ermitaños (Eupagurus spp.); e variedade de vermes poliquetos, equinodermos, esponxas, ofiuras e holoturias, ademais de peixes planos, raias (Raja spp.), salvariego (Echiichtys vipera).
A illa de Sálvora era un refuxio para piratas e corsarios ata o século XIX. Hoxe en día, conta cun paisaxe espectacular, con praias e dunas rodeadas de flora e fauna mariña. Destacan diferentes especies ademais de algas pardas, verdes e vermellas. Na auga e nas rochas da illa, podemos atopar crustáceos, cefalópodos, equinodermos, moluscos, peixes, fanecas, polbos, ourizos e estrelas de mar, esponxas, centolos ou mexillóns, entre outros. Ribeira é un municipio da provincia da Coruña que conta cun dos portos pesqueiros máis importantes de Galicia. Pertence á comarca de Arousa Norte e divídese nas seguintes parroquias: Aguiño, Artes, Carreira, Castiñeiras, Corrubedo, Oleiros, Olveira, Palmeira e Ribeira. Frente á boca da ría de Arousa, no mesmo concello de Ribeira, atopamos a Illa de Sálvora. Esta illa inclúese no Parque Nacional das Illas Atlánticas e é a única que pertence á provincia da Coruña.