Despois de cruzar o río Miño en barco, A Guarda, é a primeira vila de Galicia con profundas pegadas do Camiño de Santiago.
Este mesmo traxecto en barco cruzando as dúas beiras do río Miño, entre Caminha e A Guarda, xa o realizaron os peregrinos na Idade Media. A poucos metros do actual embarcadoiro de A Pasaxe, localizábase un pequeno porto de mercadorías coñecido como Porto Santo, e a barca do Porto Santo que trasladaba aos peregrinos. Desde aquí, os viaxeiros dirixíanse cara ao centro da vila.
As pegadas máis antigas dos peregrinos localízanse no casco antigo. Actualmente a pequena Praza de San Marcos é o espazo que ocupou ata o século XIX o Hospital de San Marcos e que se dedicaba ao coidado e descanso de pobres e peregrinos. Os seus orixes poderían remontarse ao s. XII ou XIII por unhas pezas románicas, estando documentada no s. XIV a reedificación da capela e do propio hospital.
No trazado que seguen os peregrinos, atopamos a igrexa parroquial de Santa María levantada no s. XVI sobre outro templo máis antigo. No seu interior consérvanse dúas imaxes do Apóstolo Santiago: unha talla de Santiago Peregrino no retablo da Virxe do Rosario, e unha pintura de Santiago no retablo da Virxe do Carmen.
De época máis recente, existen outras referencias ao Camiño, destacando a Cruz de Santiago no Colexio dos Xesuítas localizado fronte ao embarcadoiro ou a talla escultórica en pedra de Santiago Apóstolo que despide aos peregrinos nos últimos quilómetros de traxecto na costa de A Guarda.
Estes son os testemuños que lembran aos visitantes e peregrinos que A Guarda tamén forma parte viva da memoria xacobea.