Aínda que os pobos primitivos chegaron a estenderse por toda Galicia, non existen datos nin estudos de asentamentos ou usos da illa de Sálvora por entón. Algúns restos atopados nas súas areas dan fe do paso dos navegantes fenicios, pero non testemuñan a súa visita á illa. Así, a historia coñecida de Sálvora comeza a finais da Alta Idade Media na que, formando parte da coroa galego-asturiana, foi doada por Alfonso II o Casto á Igrexa de Santiago. Por outra banda, as teorías que sitúan as míticas illas Casitérides das que falan os romanos apuntan a esta illa como unha delas.
Casitérides é o nome co que os gregos denominaron os centros produtores de estaño (kassiteros) situados no extremo do Occidente. Plinio o Vello, na súa Historia Natural, sinala que o primeiro grego que accedeu ás Casitérides foi Midácrito, personaxe do que non se sabe nada máis. Historiadores e xeógrafos como Ptolomeo, Heródoto e Estrabón tamén fan alusión a estas ricas illas, que o xeógrafo galego do século XVIII José Cornide sitúa, sen ningunha dúbida, no Atlántico que baña Galicia. Crese que os fenicios xa coñecían a ruta do estaño ou das Casitérides, unhas rutas que os cartaxineses terían mantido ocultas ata época romana, dada a súa gran importancia. Segundo Cornide, Sálvora sería unha destas dez illas míticas. Heródoto, no seu libro III de Historia, cando se refire aos confíns do mundo occidental, menciona as Casitérides e identifícaas como unhas illas de onde procedería o estaño dos gregos, aínda que recoñece que non pode confirmar a súa existencia. Estrabón, na súa Xeografía, afirma que se trata de dez ínsulas situadas preto do porto dos ártabros (que habitarían a rexión en torno á actual A Coruña) e sostén que foron os fenicios os primeiros en chegar alí. Conta, ademais, como os romanos intentaron insistentemente acceder ás illas Casitérides, pero cando os navíos fenicios que surcaban o océano rumbo ás costas galegas descubrían que os seguían, facían encallar os seus barcos para preservar dese modo o segredo da ruta. Tamén o matemático, xeógrafo e astrónomo grego Ptolomeo as menciona. A partir da obra Ora marítima de Aveiro (s. IV a. C.), que conta as fazañas marítimas dos fenicios 800 séculos atrás, as principais correntes arqueolóxicas identifican a súa localización exacta na Bretaña francesa ou nas Illas Británicas e que o tránsito dos fenicios polo noroeste da península ibérica era un paso máis cara ás Casitérides. Con todo, na actualidade os datos arqueolóxicos parecen indicar o contrario. Non hai evidencias fenicias nin na Bretaña francesa nin en Gran Bretaña, mentres que en Galicia si. A riqueza en estaño das rías galegas e as numerosas mostras de importante actividade metalúrxica na transición do Bronce ao Ferro así parecen evidencialo. O xeógrafo, naturalista e humanista galego José Cornide de Saavedra e Folgueira (A Coruña, 1743-Madrid, 1803) defende a situación xeográfica das Casitérides nas costas galegas, coñecidas desde a antigüidade pola súa abundancia de minas e xa apunta que os fenicios comerciaban cos poboadores de Galicia. O xeógrafo baséase nos textos dos historiadores e xeógrafos clásicos e identifica estas illas en "os baixos de Corrubedo, as illas de Sálvora, Arousa, Cortegada, Grove, Ons e Cíes, Baiona, e outras máis pequenas da ría de Arousa".
A illa de Sálvora atópase nas Rías Baixas galegas, máis concretamente, na ría de Arousa e presenta unhas magníficas praias e dunas. Cara ao norte da illa, atópase a aldea de Sálvora, testemuña de que, noutros tempos, a illa estivo habitada. Con todo, non se puido concretar se foron os fenicios. A illa usábase como base militar marítima para viquingos e sarracenos na Baixa Idade Media, así como para piratas e corsarios entre os séculos XVI e XVIII. As Casitérides ou Kassitérides era o nome que os gregos deron ás illas do Estaño. Desde a Idade do Bronce, o estaño era un metal necesario para producir bronce xunto co cobre e, así, crear utensilios dun metal resistente. Os fenicios eran conscientes da importancia do estaño e ían na súa procura a través do Mediterráneo.