Entrada ao porto
Derrotero e indicacións de aproximación
A barra do Lérez está formada por un gran banco de area e lama que queda case en seco nas baixamares vivas e que só permite o acceso a Pontevedra ás embarcacións cuxo calado sexa de tres metros como máximo, nas preamares comúns. Abre entre as puntas de Campelo e a de Placeres, cunha milla.
Só dispón dun paso desde a súa entrada ata Pontevedra. O encauzamento está constituído por dous longos diques sinalizados con torres balizas. Das torres, son luminosas tres en cada dique, e están ubicadas, as do sur, unha na entrada, outra na sétima (Tres Hermanas) e a terceira na décima torre, indicando a entrada de Mollabao. As do norte, unha na de entrada, outra na cuarta, sinalando o paso ás enseadas de Lourido e Saiñas, e a outra fronte á de Tres Hermanas. As correntes de mareas son pouco intensas.