É obra do arquitecto porriñés Antonio Palacios Ramilo e encádrase no movemento ideolóxico de comezos do século XX que trata de facer unha arquitectura autóctona con raíces tradicionais, para que transmitise contidos culturais propios. Antonio Palacios percorre toda Galicia visitando construcións románicas e barrocas das que adquiriu un coñecemento que se vai concretar no seu propio estilo. O Templo Votivo do Mar foi construído entre 1932 e 1937 cunha superficie de 340 metros cadrados. Ten planta de cruz latina, cunha soa nave, e tres corpos no inicio. En principio este templo ía pertencer a un conxunto de construcións que finalmente non se realizaron. Cara ao fronte está o campanario que queda á esquerda e o baptisterio á dereita. O ábsida é poligonal tras o transepto que está rematado co cimborrio tamén poligonal e a cúpula, sobre arcos apuntados. Son de destacar os mosaicos realizados polo construtor José Mogimes, coa axuda de voluntarios de Panxón e construídos con restos de azulexos de refugallo. Outro elemento a considerar nesta igrexa son as vidreiras e o rosetón. Antonio Palacios intentou innovar e xogar coa luz por medio de transparencias que aparecen da combinación de baldosas de vidro industriais inseridas no formigón armado. O Templo Votivo do Mar é unha das obras cúlmenes do arquitecto porriñés e unha das mellores obras que se conservan no Val Miñor.
Panxón é unha pequena parroquia pertencente ao municipio de Nigrán que se caracteriza pola súa tradición mariñeira, ten porto propio e é típico celebrar nas súas praias as fogueiras de San Xoán ao inicio do verán. Coincidindo coas súas festas patronais. Moi preto do Templo Votivo do Mar e subindo pola rúa do Arco visigótico atópase a estrutura con dito nome. O Arco Visigótico formaba parte da desaparecida igrexa parroquial de San Xoán de Panxón, e pasou desapercibida ata o ano 1926. O que hoxe se conserva son os restos do ábsida cadrangular á que dá entrada o arco triunfal de ferradura. O arco composto por 21 dovelas de diferentes tamaños, susténtase sobre dúas columnas de fuste liso e capiteis de inspiración corintia, con dúas filas de follas de acanto e volutas incipientes. Orixinariamente o arco estaba sustentado por dous pares de columnas por cada lado, como aínda se pode comprobar actualmente. Polo aspecto e técnica de execución pódese asegurar que a súa fábrica é xermánica. En 1963 identificouse formando parte do muro próximo, unha tapa do sartego, con decoración de tipo estola, que posteriormente se trasladou ao ábsida do templo. Pódese situar no período suevo dos séculos V-VIII. Con motivo da consolidación do arco, nos anos 80, realizouse unha pequena escavación na que se identificaron os cimentos orixinais do templo xermánico, que definen unha planta en cruz grega. Sobre estas, e aproveitándoas en parte, durante o século XVII reformouse a igrexa adquirindo a fisionomía que se mantivo ata o século XX, cando desapareceu. Estes restos foron declarados Monumento Histórico-artístico e Ben de interese Cultural.
O Templo Votivo do Mar ou a igrexa parroquial de San Xoán de Panxón está situado nun pobo costeiro do municipio de Nigrán, e máis concretamente en Panxón. Este templo católico de granito foi construído entre 1932 e 1937 polo famoso arquitecto galego Antonio Palacios Ramilo, un dos máis importantes de España do século XX. Aparte de contar cun cruceiro na bóveda, caracterízase pola súa planta de cruz latina e pola súa torre en forma de faro, cuxo obxectivo era que os mariñeiros a localizasen para axudalos na súa chegada á terra. Ademais, xunto a el, atópase unha torre cilíndrica máis elevada, coroada polos catro anxos custodios ou anxos da garda, orientados cara os catro puntos cardinais. Antonio Palacios intentou plasmar a arte galega nesta igrexa, a pesar de que a súa orixe teña mestura de arte gótica (arcos apuntados), toques modernistas e influencias musulmás.