A vila de Cangas -e moi particularmente a súa zona monumental-, destaca por albergar un interesante patrimonio artístico; cada vez máis recoñecido e valorado. Neste antigo burgo de pescadores, son evidentes os claros vestixios de construcións e arquitectura mariñeira. Grazas á sabia man do canteiro e o bo facer dos seus homes e mulleres -ao longo dos séculos-, foron mesturando as súas raíces coa presente tradición medieval que deixou o seu legado en Galicia.
O percorrido polo centro histórico comeza na Casa do Concello, obra de vangarda que leva o selo dun laureado arquitecto: Alberto Noguerol. Desde aquí cara os Xardíns do Sinal, alcanzamos a Capela do Hospital, emblemático monumento mandado construír polo prior D. Gonzalo de Nogueira e Araúxo en 1711. A Rúa Real, emblema da heráldica e arquitectura hidalga desemboca na estatua ecuestre de Santiago Apóstolo. Así alcanzamos o maior tesouro da vila pontevedresa, a Ex-colexiata de Santiago, de estilo barroco. Alí consérvase un venerado Cristo -milagroso"-, do que se di que "non quixo arder"
pois no ano 1617 sobreviviu ao incendio do templo por parte dos piratas turcos.
A través da Rúa de Hío, dirixímonos cara o Eirado do Costal, corazón do barrio, e antigo núcleo primitivo de Cangas. Entraremos entón nos Xardíns Félix Saoge, onde atopamos a soberbia efixie de Don José Félix Soage Villarino, que no 1914 esculpiu o xenial Francisco Asorey. Moi preto "A volta do Mar", outra talla coa que Xoán Piñeiro quixo render un sentido homenaxe a todos os mariñeiros de Cangas.
A partir de aquí asoma a zona monumental: a Praza do Arco, antiga porta de entrada á vila, onde se di que durante a Idade Media viviron os xudeus. A rúa Antonio Garelly que conserva unha das máis primorosas "casas de patín", -vivenda mariñeira de Cangas por excelencia-. Ou os enormes portalóns situados na rúa Pablo Iglesias
que no seu día foron utilizados para gardar embarcacións de pesca. A pintoresca Praza de Síngulis, é outro dos típicos exemplos de barrio mariñeiro de Cangas. Xusto no medio, sobre unha lousa natural, ergue un fermoso cruceiro ao que os veciños teñen gran devoción. Outro barrio mariñeiro é o Fuerte, coas antigas "tendedoiras" de redes ao lado da praia de Rodeira. Para rematar: o Barrio do Costal, o máis antigo da vila. Ao seu pé chegaba o mar antes dos aterrazados. A pedra constitúe unha constante unida á presenza de numerosos mananciais: Fonte Herrera, Fonte Garrido, Fonte do Galo e Fonte do Cabalo."