En Galicia existen seis Parques Naturais distribuídos ao longo da comunidade, o monte Aloia conforma un deles. Fundouse o 4 de outubro de 1978, sendo o primeiro Parque Natural de Galicia. Ten unha extensión de 746,29 ha e posúe cinco miradoiros onde se pode gozar de grandes panorámicas da paisaxe. Está situado no límite sur da Serra do Galiñeiro e elévase ata os 629 metros, no alto de San Xiao, formando unha atalaia. Dispón dunha ampla rede de sendeiros como a Senda Botánica, os Muiños de Tripes, Rego da Pedra, Muiños de Paredes, Cabana-cabaciña e Castro dos Cubos. Os cales pasan por muíños, regos de uso tradicional, poboados castrexos e bosques de carballal que amosan o patrimonio natural e etnográfico do Parque Natural. Aloia tamén está dentro da Rede Natural 2000 declarado como Zona de Especial Conservación ZEC Monte Aloia polas súas zonas naturais como hábitats de matogueira arbustiva e bosques aluviais. Destacan os morcegos Miniopterus schreibersii e Rhinolopus hipposideros, a bolboreta doncela de ondas Euphdryas aurinia, o cervo volante Lucanus cervus ou o narciso Narcissus cyclamineus. A comezos do século XX o monte estaba totalmente desforestado e grazas á iniciativa do enxeñeiro forestal Rafael Areses, que convenceu aos veciños e a distintas autoridades para repoboar con árbores, a paisaxe sufriu unha gran transformación. Aínda que a intención era boa a maior parte da repoboación foi mediante especies foráneas con comportamento invasor como a Acacia negra Acacia melanoxylon, con todo, o feito de ser Parque Natural desde o 78, fixo que grandes zonas se recuperasen con bosque autóctono galego e se atopen numerosas especies de flora e fauna. Dentro do parque localízase o Centro de Visitantes. É unha antiga casa forestal construída en 1921 polo enxeñeiro Areses e desde o ano 1998 alberga o centro de visitantes onde se pode ver unha exposición sobre a evolución do parque, elementos naturais que o conforman e etnográficos.
Parece ser que, no Monte Aloia, houbo asentamentos xa desde o paleolítico xa que a orografía do monte permitía a protección e sustento baseados na caza e a recollida. Entre o Neolítico e a idade do metal construíronse poboados nas ladeiras suaves e protexidas e elévanse túmulos funerarios como os restos das Mámoas da Chan Longa". Tamén, desta época, son os gravados realizados na pedra, petroglifos, que se atopan como os de A Macoca. O poboado fortificado castrexo de "Alto dos cubos" data da idade de Ferro, que consta de varias construcións de planta circular, onde algunhas delas presentan unha ampliación a modo de vestíbulo na entrada. Topáronse diversos restos deste asentamento que están expostos na Aula de Natureza de Monte Aloia. Tamén se atoparon restos, en posteriores escavacións, que confirman que o asentamento sufriu un proceso de romanización. Moito material cerámico e diferentes pezas como "amarradoiros", morteiros e muíños de man. No século V d.C prodúcese a invasión dos pobos xermánicos que ocupan parte do territorio romano e, neste contexto, constrúese unha gran muralla en Monte Aloia. Parece ser que a poboación galaico romana refuxiouse tras a muralla da chegada a Galicia dun destes pobos invasores, os suevos. A pesar de dispoñer coñecementos de técnicas construtivas adquiridas moito antes durante o Imperio Romano, a explicación, a esta elaboración tan ruda da obra vén pola necesidade ante a chegada dun perigo inminente. A muralla, chamada ciclópea pola dimensión das rochas que a forman, ten unha lonxitude de máis de 3 quilómetros e encerra unhas 30 ha constituíndo un dos recintos amurallados máis grandes de Galicia."
Tui conta co monte Aloia, declarado o primeiro Parque Natural de Galicia en 1978. Nel, atópanse restos prehistóricos e romanos como o Castro Alto dos Cubos. Neste enclave pódense gozar diferentes rutas de sendeirismo, nas que nos podemos facer unha idea da distribución das vivendas. Trátase dun monte verde onde nacen regatos que buscan o val do Miño. Ademais, neste monte hai unha muralla ou fortaleza que, aínda que se descoñece a súa antigüidade, podería ser do Imperio Romano e as invasións bárbaras, datada entre os séculos V-VIII d. C. A fortaleza do monte Aloia dispón dunha lonxitude de 3 quilómetros e está considerado como un dos principais recintos fortificados en altura de Galicia. Tui é un municipio galego que se atopa situado na parte oriental da comarca do Baixo Miño, na provincia de Pontevedra. Esta localidade destaca pola súa proximidade a Portugal, por ser cidade episcopal e por contar cunha das catedrais máis famosas de Galicia, a Catedral de Santa María de Tui.