A illa de San Simón está situada na baía de San Simón, na Ría de Vigo. É un conxunto formado por dúas illas principais: San Simón e San Antón e os illotes de San Bartolomé e San Norberto. Este lugar viviu importantes episodios da historia de Galicia e de España. Na illa de San Simón sucedéronse séculos de historia que se poden dividir en catro etapas. A primeira sería desde o século XII ata o século XIX onde foi utilizada por diversas ordes relixiosas sufrindo múltiples incursións navais. Despois, construíuse un lazareto que estivo funcionando desde 1838 ata 1927. O complexo edificouse coa finalidade de que mariñeiros e pasaxeiros pasasen a corentena ao volver das súas viaxes ás américas por sospeita de enfermidade contaxiosa. En 1936 foi convertido en campo de concentración para republicanos e chegou a albergar a máis de 4000 presos políticos. Despois da guerra civil, en 1948 a illa destínase a albergue de Guarda de Franco, morreron nun naufraxio preto do illote Corveiro 43 oficiais que regresaban á illa despois de xogar un partido de fútbol na praia de Cesantes. Finalmente, de 1955 a 1963 é reconvertido en orfanato para fillos de mariñeiros onde aprendían o oficio do mar. Nas décadas dos noventa restaúrase o contorno declarado como Ben de Interese Cultural. Ubicado na zona do lazareto sucio, na illa de San Antón, atópase o Centro de Interpretación e Documentación que posúe unha biblioteca. Ten unha exposición permanente con paneis e maquetas centrada na historia do lugar, a memoria histórica e a cultura do mar.
Por Redondela pasaba a vía romana coñecida como per loca marítima" e esta illa coñecérona co nome de Búrbida. Durante a Idade Media, a emerxencia da vida monacal propiciaba os lugares apartados para poder levar a cabo un retiro contemplativo. As illas foron utilizadas con este fin e construíuse un primitivo centro monástico que foi arrasado polos sarracenos. Nos últimos anos do século XII a Vila de Redondela era da Orde Militar dos Cabaleiros Templarios, que por estas datas habitaban a illa, onde construíron unha igrexa que denominan San Simón Apóstolo. As illas foron fonte de inspiración para as famosas cantigas dos trobadores como Martín Códax, Xohán de Cangas, Nuno Pérez e Mendinho da que queda unha cantiga onde nomea a ermida da illa. Ata o século XIX foi utilizada por diversas ordes relixiosas sufrindo múltiples incursións navais. Sendo escenario da loita entre as tropas do arcebispo compostelán e a casa de Soutomaior e refuxio contra a peste que asolou o territorio. Durante a Idade Moderna a illa foi saqueada por Sir Francis Drake, un corsario que traballaba para a coroa inglesa. Drake apoderouse de Baiona e atacou a vila de Vigo que foi defendida polo Comendador Pedro Bermúdez e venceu grazas á axuda do señor de Gondomar, Diego Sarmiento de Acuña obrigando aos ingleses a reembarcar. No século XVIII a illa foi testemuña e vítima da Batalla de Rande xa que os anglo-holandeses aproveitaron para atacar a congregación franciscana alí ubicada, saqueando e queimando o seu convento. Despois, construíuse un lazareto que estivo funcionando desde 1838 ata 1927. Deste tempo proveñen a maior parte das edificacións que se conservan hoxe en día. Como son dúas as illas de maiores dimensións o lazareto puido posuír varios espazos. Así que dividíase entre o lazareto limpo, situado na illa de San Simón e o lazareto sucio, onde se hospedaban persoas con enfermidades infectocontaxiosas, na illa de San Antón. Ambas illas están conectadas por unha ponte que tiña dous portalóns para evitar o contacto. Debido a diversos episodios de cólera vividos na cidade de Vigo, pensouse en illar ás tripulacións e pasaxeiros que arribaban ás costas nacionais. O complexo construíuse coa finalidade de que mariñeiros e pasaxeiros pasasen a corentena ao volver das súas viaxes ás américas por sospeita de enfermidade contaxiosa. Posteriormente, en 1936, a illa pasou por un dos períodos máis tristes e conmovedores, este espazo foi reconvertido en campo de concentración para republicanos e chegou a albergar a máis de 4000 presos políticos. Os presos vivían en moi malas condicións, pasaban frío, fame e medo. Os militares deixábanlles mariscar cando a marea estaba baixa, causa de moitas diarreas e infeccións producidas pola mala xestión das augas fecais. Non posuían auga a corrente e as condicións insalubres aqueixaban aos presos polas enfermidades. San Simón non era unha prisión destinada a realizar execucións. Polo menos non fora concebida para iso, polo tanto, non tiña unha infraestrutura adecuada a tal fin, ademais o transporte dun corpo sen vida supoñía un maior esforzo. Con todo, realizouse nela algún fusilamento. Cando se achegaba a data para o interrogatorio, os reos eran levados da illa á cárcere provincial, e alí defendidos no Consello de Guerra por oficiais que os mesmos reclusos escollían dunha relación entregada ao efecto. Os defensores só facían cumprir o papel rutinario asignado, pois as sentenzas estaban xa asignadas de antemán. Se o fallo era pena de morte, a execución era inmediata. Nun principio os presos destinados a esta illa eran de terras galegas pero dadas as súas boas instalacións decidiu trasladar a todos os vellos reclusos que enchían as cárceres en España e o resultado foi desastroso. O espazo era insuficiente para todos, os anciáns procedentes de zonas cálidas e separados das súas familias, viñeron a sufrir a máis dura etapa do seu cativeiro. E así, como a illa foi marco de escenas macabras. Moitos dos presos puxeron fin ás súas vidas aforcándose das árbores e outros, para poder aplacar a súa fame, alimentábanse das ratas abundantes no lugar. Despois da guerra civil, en 1948, a illa foi destinada a albergue da Garda de Franco, onde pasaban alí períodos vacacionais. O suceso máis tráxico foi o naufraxio sucedido preto do illote Corveiro onde morreron 43 oficiais. Estes regresaban despois de xogar un partido de fútbol amistoso co C.F Redondela, a súa lancha denominada "Monchita" ía con 66 persoas a bordo e virou a causa dun movemento brusco que fixeron os pasaxeiros para evadir as salpicaduras. A pesar da proximidade da illa e de que había un plácido estado do mar, as correntes da ría e a ineptitude dos gardas para nadar xogáronlles unha mala pasada. Foi heroica a acción de Carmen Almoina Cabaleiro que logrou rescatar a catro náufragos coa súa pequena barca. Finalmente, de 1955 a 1963 a illa foi destinada como orfanato "Fogar Méndez Núñez" para fillos de mariñeiros onde aprendían o oficio do mar. Nas décadas dos noventa restaúrase o entorno declarado como Ben de Interese Cultural.
Preto de Redondela, atópase a ponte de Rande que une os municipios de Redondela e Moaña. Na Ría de Vigo, atopamos a Illa de San Simón, a cal pertence á parroquia de Cesantes, no municipio de Redondela e actualmente, atópase deshabitada. A illa conta cun edificio que aínda se conserva. Nun primeiro momento era un mosteiro, pero foi abandonado polos monxes. Posteriormente, foi un hospital ou un lazareto. Nel ingresaban as persoas que padecían enfermidades infecciosas para a súa observación e o seu tratamento. A partir de aí, constrúese unha enfermaría, unha capela, un edificio residencial para os pasaxeiros e pasaxeiras de primeira clase, outro para os de segunda e outro para os pasaxeiros de terceira clase. Hoxe, a illa de San Simón é un espazo público para o desenvolvemento cultural de Galicia. En 1999 foi declarada Ben de Interese Cultural pola Xunta de Galicia e hoxe en día, forman parte da Rede Natura 2000 como hábitat natural europeo protexido. Ademais, o Museo do Mar e a Fundación Illa de San Simón adoitan organizar visitas guiadas á illa onde se poden aprender un montón de curiosidades.