Cabo Silleiro é un accidente xeográfico situado no suroeste de Galicia, na parroquia de Baredo (Baiona), que pecha a ría polo sur, marcando o inicio das Rías Baixas cara ao norte. É un fronte rochoso de cantís mariños atlánticos con ampla existencia de extensas praias de cantos e bloques. Nas vertentes costeiras desenvólvense amplas extensións de matogueira, breixos secos costeiros atlánticos de Erica vagans e aparecendo en vaguadas nas que un certo grao de hidromorfía permite a aparición dos breixos húmidos atlánticos de Erica ciliraris e Erica tetralix. As ladeiras e cumes que pechan a unidade presentan afloramentos rochosos e pendentes con vexetación casmofítica. Enfronte do cabo atópanse as illas rochosas de A Carral, A Negra, As Polbeiras, Laxe do Lobo e Lobo do Silleiro. Como é unha zona rochosa e fortemente batida polo mar é un lugar idóneo para o crecemento de percebeiros onde se ven a miúdo aos percebeiros traballando retirando dito manxar co uso das rasquetas. Durante os anos 40 construíuse nesta zona unha batería de artillería costeira J-4 co propósito de protexer o porto de Vigo. Na parte alta da ladeira atópase o faro Silleiro, o faro situado máis cara ao sur da costa galega. Foi inaugurado en 1924, edificio que substituíu ao antigo faro de 1866 do que se conserva a fachada de granito en primeira liña de costa. Aos pés do antigo faro por un camiño, pódese baixar á praia dos cristais, chamada así porque antigamente había un vertedoiro no cabo. Os cristais de botellas, restos de cerámica e outros elementos foron arrastrados e pulidos pola acción do mar creando esta praia de diferentes cores de tonalidade verdosa.
En 1866 inaugurouse o Faro de Silleiro situado no cabo co mesmo nome, do antigo faro aínda se conserva a fachada de granito en primeira liña de costa. En agosto de 1924 inaugurouse o novo edificio que alberga o faro a 85 metros na parte alta da montaña. Este edificio ten planta rectangular e na súa fachada oeste está a torre do faro, que desde 1960 ten unha lámpada de 3000 vatios que se pode ver a 40 millas se o tempo está despexado. Ademais da serra ten un emisor eléctrico de 200 millas de alcance. Hoxe é un dos puntos principais de orientación dos navíos que surcan as augas. No ano 1955 convértese en aerofaro, acoplándose unhas lentes que producen un feixe aéreo de 70º sobre a horizontal, podendo ser identificado polos avións ata unha distancia de 20 quilómetros. Na actualidade, ademais de seguir prestando servizo como sinal luminosa, é base receptora de dous sistemas diferentes de medición de ondas e correntes, e dispón ademais dunha estación receptor-emisor do sistema AIS axudas á navegación. Xunto ao faro de cabo Silleiro existen os restos dalgunhas instalacións militares que na súa época servían para vixiar a boca da ría de Vigo e a entrada a Baiona. Son as baterías J4 Cabo Silleiro. Estas instalacións datan da época posterior á Guerra civil e entraron en servizo a principios da década dos 40 como batería costeira para protexer a España dun ataque por mar que nunca chegou a producirse. Miles de mozos cumpriron nestas instalacións o servizo militar. As instalacións sobre terra constaban da casa do Sargento e a do Capelán, ademais dos edificios comúns (cantina, fogar do soldado, cociña, habitacións dos oficiais e pista de deportes). Ademais, baixo terra, hai 200 metros de galerías escavadas sobre o granito que conectan as pezas de artillería co búnker de telemetría a través dun túnel con eixo principal e varias ramificacións. Existía tamén un túnel de evacuación que chegaba aos montes de Baredo, actualmente completamente selado. O posto de mando e observación atópase situado enriba do faro que regula o tráfico portuario. A batería máis alta é de acceso máis complicado e polo tanto a mellor conservada. Os canóns tiñan un alcance máximo de 16 quilómetros e podían disparar os catro á vez en modo manual ou automático (con electricidade). Os proxectís eran de 50 kg e 45 cm e transportábanse en vagonetas por túneles ata os canóns. Necesitábanse unhas nove persoas para poder disparar os canóns e sobre cincuenta persoas son as que traballaban nas baterías en total. A batería deixou de usarse a finais da década de 1980, e tanto os canóns como os túneles foron selados. O complexo militar mantívose intacto ata comezos da década dos 90 e un pequeno retén vixiouno ata o ano 1999 cando quedou completamente abandonado. A planta superior deste búnker de telemetría foi reaberta no ano 2002 para observar a evolución das manchas de petróleo que verteu o Prestige sobre a costa galega. Por aquí pasa a etapa Oia - Baiona do Camiño de Santiago Portugués pola costa por onde pasan moitos dos peregrinos que elixen esta opción de camiño.
Cabo Silleiro está situado en Baiona (Pontevedra) e forma parte da costa galega. Un cabo ou punta é un accidente xeográfico formado por terra que se proxecta cara ao interior do mar. Este en concreto, marca o punto de entrada á Ría de Vigo polo sur. O Faro Silleiro inaugurouse nel en 1866, utilizando, en principio, unha lámpada de mecha de aceite vexetal para alertar aos barcos da presenza de costa. Posteriormente, en 1909, utilizábase unha lámpada de petróleo e en 1924, inaugurouse o faro tal e como o podemos ver na actualidade. Ademais, nel atópase a antiga batería militar J4 Cabo Silleiro, construída tras a Guerra Civil para protexer a entrada da Ría de Vigo e Baiona. Dispón de uns 200 metros subterráneos cun túnel principal conectado á artillería Vickers.