En Meirande, moi preto da ponte de Rande que une Vigo coa comarca do Morrazo, atópase o Centro de Interpretación da Batalla de Rande e do Patrimonio Industrial. Alí móstranse os tesouros arqueolóxicos e culturais da época da Batalla de Rande e tamén parte do patrimonio industrial e histórico de Rande. O edificio sitúase nunha antiga conserveira do ano 1944 cuxo dono foi Otto Gerdtzen Boyé, aliado nazi durante a II Guerra Mundial e empresario que comezou a súa actividade en Vigo en 1893. O centro consta de varios módulos repartidos en catro salas de exposición. Por fóra, mantén as ruínas da vella fachada de pedra, que funciona como un peche de todo o complexo, pois tras ese muro ao aire libre exhibense varias máquinas da antiga conserveira Boyé.
A primeira sala está dedicada á explicación máis técnica da batalla mesma e do seu contexto histórico, o conflito de intereses que orixinou a sucesión do rei Felipe IV. Vense maquetas de barcos da época, réplicas de canóns e obxectos varios do que era o interior dun galeón, uniformes de mariñeiros holandeses e ingleses e a recreación do camarote do capitán. Tamén están expostos materiais non tan antigos como unha escafandra e zapatos dun buzo e outros elementos tangibles para que o público poida interactuar coa exposición. Na outra estancia dáse unha aproximación dun tempo no que a Coroa española se lucraba co espolio dos recursos naturais de América e o comercio de ouro e prata, pedras preciosas, pigmentos minerais, madeiras nobres, cacao, tabaco e alimentos como o millo, o tomate e a pataca, que eran transportados por flotas de galeóns custodiadas por outros navíos fortemente artillados. Finalmente posúe un espazo dedicado a aquelas máquinas utilizadas na fábrica conserveira e útiles de pesca. O centro dispón da posibilidade de ser visitado en barco xa que posúe un pequeno pantalán para acceder ao edificio, facendo da visita toda unha experiencia.
O Centro de Interpretación da Batalla de Rande e do Patrimonio Industrial sitúase no interior da fachada do que era unha antiga conserveira de mediados do século XIX. A primeira noticia desta fábrica data de 1836 cando o empresario catalán Sebastián Carsí de Vilanova i la Geltrú, adicábase á salgadura de peixe e carne.
Na segunda metade do século XIX a familia Carsí abandonou a salgadura e no sucesivo alugou a factoría a distintos empresarios, ata 1939 cando a vendeu a Román Cordero.
En 1941 Cordero pediu un permiso á Autoridade Portuaria de Vigo para ampliar a factoría que consistiu nun muro litoral, dúas rampas de atraque, escaleiras que comunicaban co que quedaba da praia e un recheo no lado oriental dos terreos. Un ano antes de rematar as obras a fábrica cambiou de dono pasando a Otto Gerdtzen Boyé.
Pola súa relación co partido Nazi foi incluído nunha lista negra da Reserva Federal dos Estados Unidos o 7 de febreiro de 1942, na que tamén figuraban outras empresas e cidadáns alemáns residentes en Vigo. A factoría de Redondela transformouse ao negocio das conserveiras utilizando o nome comercial de Conservas Boyé". En 1952 a fábrica abandona definitivamente o negocio da salgadura, adicándose por completo ás conservas ata o seu peche en 1955.
Nas inmediacións de Meirande uns metros máis cara dentro da ría véxese unha estrutura de metal que se adentra cara ao mar. É un antigo cargadoiro de minero siderúrxica do que se exportaba metal proveniente do coto Wagner situado no Bierzo.
A mediados do século XX foron descubertos o coto Wagner e o coto Vivaldi polo enxeñeiro vasco Julio Lazúrtegui, amante da música clásica e en concreto destes dous compositores. O enxeñeiro soñou con converter o Bierzo nunha nova Vizcaya.
En 1952 o coto Wagner comezou a explotarse e naquel momento foi a maior mina de ferro da península ibérica. A empresa tiña 500 traballadores en plantilla e utilizaba un teleférico de dous mil metros que transportaba o mineral ata o cargadoiro da estación ferroviaria de San Miguel de las Dueñas. Tiña unha capacidade de 2.000 t repartidas en oito tolvas, sobre as que se descargaban os baldes por simple volteo manual. Os minerais tiñan como destino a factoría de ENSIDESA situada en Avilés e tamén a exportación a países do norte. Nun principio a empresa ideou un cable aéreo de 115 quilómetros que conectase o coto co porto de Avilés. O proxecto foi descartado e escolleuse a ría de Vigo para dar destino a esta carga.
O cargadoiro marítimo de Rande da Ría de Vigo de Muradas coñecido tamén como "cargadoiro Deuchess" estaba situado na punta do Bruñido. O porto de Vigo resultaba inoperativo ante as cargas masivas, polo que se decidiu erguer esta formidable estrutura de aceiro sobre o mar da enseada de San Simón. A estrutura era de tipo pantalán, cun calado superior a 10 m para permitir o atraque de graneleiros sólidos de ata 40000 TRB. Dispoñía dunha praia de unhas tres hectáreas de superficie onde se podían reunir unhas 125.000 toneladas. A carga transportábase por cintas que tiñan unha capacidade de carga de 2000 t/h.
Así é como en 1969 saíron de alí 300.000 toneladas de mineral de ferro, segundo a memoria da Minero Siderúrxica de Ponferrada. O ferrocarril mineiro chegaba ata o mesmo cargadoiro, onde se almacenaba o mineral e se transfería aos buques.
A explotación destes cotos acabou en 1982"
Redondela é un municipio da provincia de Pontevedra que foi habitado desde tempos inmemoriais pois, no Monte Penide ou Monte Mirallo e Ventosela, atopáronse diferentes restos de dólmenes, petroglifos e gravados rupestres que o demostran.
Preto de Redondela, atópase a ponte de Rande que une os municipios de Redondela e Moaña. Nesta zona, produciuse hai moitos anos a coñecida como Batalla de Rande. Esta foi unha importante batalla naval producida o 23 de outubro de 1702 no estreito de Rande. O Estreito de Rande está entre a Punta da Besta e Punta Rande e é a parte máis ancha da Ría de Vigo. A ría de Vigo garda riquezas e tesouros pois, das diferentes batallas producidas no mar, moitas mercadorías quedaron na profundidade. No Centro de Interpretación da Batalla de Rande, podemos atopar diferentes pezas do noso patrimonio industrial e histórico. O centro de interpretación, construíuse moi preto do estreito de Rande, onde estaban as ruínas da Fábrica do Alemán do ano 1944.