San Simón é unha zona de sedimento, máis fangosa, ao contrario do exterior da ría onde hai máis embate das ondas. É unha área moi diversa e complexa, un ecosistema no que ao longo do ano varía moito a temperatura e a salinidade, no inverno hai moito aporte dos ríos Verdugo, Oitavén, Alvedosa, e no verán sobe moito a temperatura. É un sitio para fauna e flora especialista, moi adaptable a eses cambios. Está catalogada como Zona de Especial Conservación dentro da Rede Natura 2000 cunha extensión de 2252 ha das cales o 94% son augas mariñas costeiras. Ademais, posúe outra figura de protección como Zona de Especial Protección dos Valores Naturais ZEPVN. Atópanse unhas inmensas pradeiras mariñas que non están formadas por algas, senón por plantas terrestres que se adaptaron a vivir no mar, son as chamadas pradeiras Ceba ou Zoostera marina que se poden ver cada marea baixa. É unha herba, polo tanto, sen órganos lenosos, facilmente recoñecible polos seus talos longos e finos como cintas de ata metro e medio que as mareas arroxan de vez en cando ás praias, que desta forma fertilizan. As zosteras son eficientes depuradoras naturais, que fixan nas súas raíces e tecidos unha boa parte da contaminación que chega á enseada de San Simón, serven de refuxio e alimento ao zooplancto e fitoplancto do que á súa vez se alimentan os bivalvos. Este tipo de ecosistema ten como inimigo aos rastros cos que se marisquea xa que moven o fondo e as arrincan. Dalgunha maneira mariscadoras e mariscadores terán que chegar a un termo medio xa que sen degradan as pradeiras acabarán perdendo a produción de bivalvos. De feito, un dos motivos que xustifican que esta enseada sexa un espazo natural protexido a nivel europeo ten que ver con estas pradeiras. O listado de especies de flora e fauna asociadas íntimamente ás zosteras é moi amplo, pero inevitablemente destacan nesta baía os chocos, que atopan nestas pradeiras o hábitat perfecto para completar o seu ciclo vital e pór os seus ovos. Hai un dito da cultura popular da zona que di para peixe fresco Vigo, para chocos Redondela". Utilizan esta herba para levar a cabo a reprodución todos os anos ao comezar o inverno, a finais de decembro ou principios de xaneiro, comezan os adultos, machos e femias, a entrar na enseada porque é un sitio propicio para a reprodución. Logo os alevíns que xorden dos ovos teñen alimento moi abundante nesas zonas costeiras.
A enseada de San Simón está localizada no interior da ría de Vigo, na desembocadura do río Verdugo. Situada entre os concellos de Moaña, Pontevedra, Redondela, Soutomaior e Vilaboa e formando unha gran chaira mariña rica en mariscos bivalvos e numerosas aves de invernada. Nas súas augas flúen séculos de historia, cántigas, ataques piratas, batallas e funestos feitos máis recentes. Ten oito quilómetros de lonxitude por case catro de ancho, que se reduce no estreito de Rande a uns 700 metros. Está catalogada como Zona de Especial Conservación dentro da Rede Natura 2000 cunha extensión de 2252 ha das cales o 94% son augas mariñas costeiras. Ademais, posúe outra figura de protección como Zona de Especial Protección dos Valores Naturais ZEPVN. No extremo noroccidental atópanse os restos dalgunhas antigas explotacións salinas, as Salinas do Ulló, hoxe colmatadas e colonizadas por vexetación adaptada á salinidade. O espazo inclúe varios illotes rochosos (Alvedosas, San Simón, Lobeira e San Antón) fronte á desembocadura do río Verdugo entre Arcade e Ponte Sampaio. A enseada de San Simón, inclúe máis de 400 ha de explanadas limoso-arenosas e hábitats intermareais onde destacan as pradeiras de ceba Zoostera sp. Planta fanerógama mariña que crea un importante ecosistema grazas ás súas propiedades depurativas, é zona de posta de ovos dos chocos que entran desde a ría e serven de refuxio e alimento ao plancto do que á súa vez se alimentan os bivalvos. Alberga o arquipélago de San Simón formado por catro illas: San Bartolomé, San Antonio, San Simón e San Norberto. Na illa de San Simón sucedéronse séculos de historia que se poden dividir en catro etapas. A primeira sería desde o século XII ata o século XIX onde foi utilizada por diversas ordes relixiosas sufrindo múltiples incursións navais. Despois, construíuse un lazareto que estivo funcionando desde 1838 ata 1927. En 1936 foi convertido en campo de concentración para republicanos e chegou a albergar a máis de 4000 presos políticos. Despois da guerra civil, en 1948 a illa destínase a albergue de Guarda de Franco, morreron nun naufraxio preto do illote Corveiro 43 oficiais que regresaban á illa despois de xogar un partido de fútbol na praia de Cesantes. Finalmente, de 1955 a 1963 é reconvertido en orfanato para fillos de mariñeiros onde aprendían o oficio do mar. Nas décadas dos noventa restaúrase o entorno declarado como Ben de Interese Cultural.
Preto de Redondela, atópase a ponte de Rande que une os municipios de Redondela e Moaña. Na Ría de Vigo, atopamos a Illa de San Simón, a cal pertence á parroquia de Cesantes, no municipio de Redondela e actualmente, atópase deshabitada. A illa conta cunha gran riqueza paisaxística, parques e xardíns con gran personalidade. A forza da vexetación mestúrase coa pedra dos cantís, os peiraos e os malecones. Diferentes especies: as palmeiras canarias mestúranse con castiñeiros de Indias, carballos, acacias, eucaliptos, cedros do Atlas, aligustres chineses e camelias xaponesas. Ademais, San Simón tamén conta cunha pequena horta e zona de viveiro para favorecer o recordo daqueles produtos chegados no seu día doutros lugares do mundo, como a pataca, o millo ou o kiwi. Hoxe, a illa de San Simón é un espazo público para o desenvolvemento cultural de Galicia. En 1999 foi declarada Ben de Interese Cultural pola Xunta de Galicia e hoxe en día, forman parte da Rede Natura 2000 como hábitat natural europeo protexido.