Skip to main content

Nautic Destination

Percebe

Sobre este patrimonio

O percebe Pollicipes pollicipes (Gmelin, 1790) pertence ao subfilo dos crustáceos. É un cirrípedo que vive en zonas costeiras rochosas fortemente batidas polo oleaxe, polo tanto, moi oxixenadas. Isto débese a que presenta unha baixa capacidade para o transporte de osíxeno. A parte comestible do percebe é o pedúnculo e presenta externamente unha pel morada e dura, feita por pequenas escamas imbricadas, que remata nunha uña, o capítulo, parcialmente calcificado e formado por varias pezas. O pedúnculo ou pé está composto de espículas calcáreas de cor marrón parduzco que lle proporcionan dureza e capacidade de resistir as condicións do substrato rochoso exposto aos golpes de mar, formando piñas con outros congéneres. Adhírese ás rochas grazas á segregación dunha substancia das súas glándulas cementantes. O percebe galego é máis groso e escuro que o que vén de Marrocos e a uña é máis aguda e avermellada e con menos placas que o canadense. A cuberta do percebe coñécese comúnmente como a uña do percebe, debido ao aspecto que lle confiren unha serie de placas calcáreas de cor branco grisácea. Esta uña ou capítulo ábrese ou péchase protexendo ao animal do ataque dun posible depredador e tamén, da desecación nos momentos de baixamar onde o nivel da auga descende e o animal queda ao aire. Baixo esas placas aparecen a maior parte dos órganos vitais do percebe. Destacan seis pares de cirros e a boca, primeiro elo do aparello dixestivo do animal. Os cirros actúan como apéndices móbiles cuxa función é captar o alimento do medio e transportalo á boca. O tamaño mínimo de captura do percebe é de 1,5 cm no diámetro da base do capítulo.

Para saber máis

A clase cirrípedia inclúe aos tan familiares animais mariños coñecidos como os percebes. Os cirrípedos son o único grupo sésil de crustáceos, agás as formas parasitas. Por iso é un dos grupos máis estraños do subfilo Crustacea, de feito, ata 1830 non se recoñeceu a relación entre os percebes e outros crustáceos. Son animais exclusivamente mariños e describíronse case 900 especies das cales dous terzos son formas de vida libre, que se adhiren ás rochas, conchas, corais, as latas flotantes e outros obxectos. Pollicipes pollicipes distribúese pola costa europea e africana do Atlántico Norte adentrándose no Mediterráneo ata o Mar de Alborán e Arxelia. O percebe ten o corpo dividido en dúas partes: o capítulo e o pedúnculo. A súa captura está regulada pola Consellería do Mar mediante plans de xestión de recursos específicos. Pode collerse a pé ou desde embarcación. Para separalo das rochas utilízase unha rasqueta ou raspa. Dispoñible todo o ano. O tamaño do percebe medirase polo diámetro maior da base do capítulo, á altura das placas inferiores (desde a base do rostro ata a base da carena). Cando se presente formando piñas, polo menos o 60% do peso da piña deberá estar constituído por exemplares que alcancen o tamaño mínimo de 1,5 cm. Os percebes presentan un tipo de vida con 2 etapas claramente diferenciadas, unha primeira fase larvaria na que forman parte do plancto, e unha segunda adheridos ás rochas para vivir de forma sésil. Esta fixación na rocha prodúcese tras unha busca por parte da larva do substrato adecuado para fixarse mediante a glándula de cemento que segrega unha substancia que lle permite adherirse ás rochas, onde vive, en zonas moi batidas polo mar. Formando grupos ou piñas de ata 100 individuos. Alimentase por filtración, de organismos do plancto e partículas en suspensión. Pollicipes pollicipes reproduce sexualmente e é hermafrodita simultáneo. En xeral os cirrípedos presentan fecundación interna cruzada, actuando un dos individuos como macho funcional e outro como femia funcional. O carácter gregario da especie facilita esta fecundación, tras a cal se produce o desenvolvemento embrionario, no interior do prosoma, conformando pequenas láminas coñecidas como ovisacos. Cómense cocidos, a ser posible en auga de mar, cunha folla de loureiro. Un pano enriba da fonte onde se sirvan axudará a mantelos á temperatura idónea e a evitar a perda de humidade. Pódense cocer unhas patacas do país na auga onde se cociñaron para que collan sabor. O promedio de capturas, nos cinco últimos anos, do percebe Pollicipes pollicipes foi de uns 23.641,56 kg/ano, o que representa un 11,22 % do total anual de capturas na lonxa de Baiona. Isto xerou, para o mesmo período, uns ingresos promedio de 966.792,57 EUR anuais. A comercialización desta especie supuxo aproximadamente, no conxunto dos últimos 5 anos, un 47% da facturación total, polo que é un recurso vital para esta entidade. O cambio de modelo de xestión desta especie permitiu, nos últimos anos, recuperar o nivel de ingresos con moita menor biomasa comercializada.

Para coñecelo mellor

O percebe é un crustáceo da familia Pollicipedidae que está considerado como unha delicatessen, pois a súa carne conta cun intenso sabor a mar. Este produto medra sobre as rochas, onde as ondas do mar rompen de forma brusca o que, fai que a súa captura sexa máis complicada. Os percebes adultos presentan dúas partes diferenciadas: a superior, coñecida como o "capítulo" ou "uña do percebe" e a inferior, "o pedúnculo", que é a que se fixa á rocha. Se non son capturados, viven pegados e fixos ás rochas durante toda a súa vida adulta. En Baiona, a costa de percebe xestionada pola entidade esténdese ao longo de uns 30 km, desde Monteferro ata punta Orelludas, e subdivídese en varios bancos. Unha das zonas máis representativas é a de cabo Silleiro. Neste cabo, os percebeiros e percebeiras, realizan o perigoso traballo de buscar estas especies durante todo o ano para así realizar a súa posterior venda na lonxa de Baiona, localizada na provincia de Pontevedra.

Galería

PercebePercebe

Localización

Localidade
Baiona
Concello
Baiona
Provincia
Pontevedra
País
España

O ben

Tipo
Produto pesqueiro
Eco-destino
Ría de Vigo
Contorna
Urbano
Relevancia
Regional

Como chegar

Acceso
Por mar Por terra
Distancia
0 km

A visita

Accesible
No
Aparcadoiro
No

Coordenadas

Latitud
42.11818400
Longitud
-8.84484700