Conservas Sueiro é o nome dunha antiga conserveira fundada por Ramón González Sueiro en 1945. Situada no concello de Soutomaior e pertencente á parroquia de Arcade. A conserveira estivo funcionando ata 1978. Antes de fundar a conserveira, mercou con peixe, xunto coa súa muller Consuelo Rodríguez Mosquera, en Arcade durante 4 meses no outono de 1940 e repetiu nas seguintes tempadas. En 1943 monta un posto no Mercado Central de Madrid como Asentador de peixe e marisco" que mantivo ata 1951. En 1944 comeza a mercar terreos á beira do mar e preto da estación de tren de Arcade onde constrúe a súa casa e un amplo baixo con anexos para usos produtivos. Ramón solicita concesións de distintos viveiros para superar a estacionalidade derivada da veda do marisqueo. Así en 1945 obtén a súa primeira concesión de 300m2 en Punta Sobreiro, en Soutoxuste, que posteriormente se ampliará cara Punta Rotiveiro ata os 500m2 e en 1957 obtén outra concesión de viveiro de 400 m2 na área do porto de Arcade. Decide facerse conserveiro e adquire maquinaria, pero lle foi moi difícil obter a licenza gubernamental para iniciar a actividade legalmente. En 1946 obtivo a licenza para a salga de peixe e envasado de ameixa ao natural en tarros de cristal. Para iso contaba cunha plantilla de 5 homes e 15 mulleres, unha caldeira de vapor de 15 CV, 2 autoclaves, unha pechadora de vidro, vinte cubetas de salar, 6 prensas e ferramentas varias. Finalmente, en 1957 é cando obtén a licenza para facer latas de conserva que adquirirá a "La Artística" de Vigo. Esta licenza chegou ao final da súa vida profesional e "Conservas Sueiro" xa era unha empresa consolidada, chegando a empregar a 50-60 persoas. A partir de 1961, Ramón aluga a fábrica por 6 anos a Jaime Díaz Montenegro, contrato que é cancelado anticipadamente en 1964. Ramón G. Sueiro, con 79 anos, volve a dirixila ata que atopa outro arrendatario en 1965 coa sociedade de José Rodríguez e Berta Pascual. Ramón G. Sueiro morre en 1969, e a súa filla Leonor herda a casa-factoría de Arcade. Un novo arrendatario, Alipio Santiago Ferro, "Conservas Sampemar" utilizou as instalacións como cociñeiro de marisco ata que en 1978 quebra e significou o fin da actividade industrial desta conserveira. Os herdeiros seguen habitando nela e conservan a memoria e boa parte da maquinaria utilizada naqueles tempos.
O enclave do porto de Arcade era perfecto para a distribución tanto do peixe e marisco co que traballaba Ramón G. Sueiro como para a comercialización da salga pola súa proximidade á estación de ferrocarril de Arcade e á N-550. No proceso de salga o primeiro traballo que realizaban as mulleres era a limpeza e evisceración do peixe. Para iso abriano pola metade un a un antes de botalos nas cubetas con sal morna. Quedarían aquí entre unha ou dúas semanas e pasado ese tempo, o peixe era escorrido, engadíase máis sal e apilábanse coidadosamente en barrís de madeira, chamados tabais, para pasar a ser prensados. Ramón G. Sueiro tiña un estilo único de prensado. En lugar de utilizar as prensas orixinais de trabe e lastre, que ocupan moito espazo, adaptou prensas de viño de parafuso continuo para comprimir as sardiñas nos tabais. O proceso máis complexo era a conserva hermética; aínda que pequena en volume, "Conservas Sueiro" tiña unha gran variedade de preparacións: marisco e polbo cocidos
sardiñas, anchoas, bonito en aceite