Foi no ano 1816, cando Salvador Massó Palau arribou ás nosas costas procedente de Xerona -como outros tantos fomentadores cataláns-, a probar sorte coa súa industria salgaduraira. Cambiou o Mediterráneo polo Atlántico das nosas rías para fundar nas localidades pontevedresas de Bueu e Cangas de Morrazo, dúas fábricas. Massó representa un considerable exemplo da importancia que a pesca, a salgadura e a conserva; tiveron no desenvolvemento industrial de Galicia conformando un eixo sur na península do Morrazo. Hoxe en día consérvanse como Ben de Interese Cultural a súa Fábrica de Conservas e a Factoría Baleeira de Massó, ambas edificacións de tipoloxía industrial que datan de entre 1816 e 1990.
Por outra banda, a tradición baleeira en Galicia que, tivo o seu cumio no século XVII, volvería a retomarse despois da II Guerra Mundial. Así, en 1955, a sociedade Massó Hermanos; xunto ás firmas IBSA e Hijos de J. Barreras, fundan Factoría de Balea C.B., tendo a súa planta en Punta Balea -Cangas de Morrazo-, moi próxima á factoría Massó. Esta enseada era o lugar escollido para cargar os cetáceos procedentes das capturas realizadas en alta mar. A través de uns raíles hendidos na propia pedra da enseada de Cova Balea, tiraban dos cables aos que ían enganchados os mamíferos mariños; para ser posteriormente despezados no mesmo areal e trasladados á planta de transformación. De aí a denominación da praia canguesa. Nos anos 70, tanto Factoría de Balea C.B., como Massó Hermanos, fusionaríanse con IBSA: a coruñesa Industria Baleeira S.A., tendo a familia Massó a maioría do capital social na empresa resultante.
A pesca de cetáceos caracterizábase por realizarse entre abril e outubro, sendo o rorcual común e o cachalote as especies máis buscadas. En 1980, un dos barcos da empresa, atracado no porto de Marín, sofre un atentado con explosivos e provoca o seu afundimento. Este acontecemento xunto coa moratoria da Comisión Baleeira Internacional en 1986 -sobre a pesca de baleas-, provocan o peche da empresa e das factorías de Morás (1979) e Cangas (1985).
En 1816 Salvador Massó funda na localidade de Bueu un almacén de salgadura. En xullo de 1883, xunto cos seus fillos Gaspar e Salvador; decide cambiar as técnicas de salgadura polas conservas tipo Nantes, que foron traídas a Galicia por industriais bretones. Estes conserveiros franceses, debido á escaseza de capturas de sardiña nas súas augas, aventúrense polas costas atlánticas de Portugal e Galicia para poder continuar co seu negocio. Eles eran os que coñecían o modo de conservar alimentos en envases de folla-lata. Deste xeito un problema dos conserveiros franceses proporciona a Galicia, un tipo de industria referente, no futuro destas localidades costeiras. Os franceses chegan a acordos con industriais galego-cataláns que se dedicaban á salgadura para fundar sociedades; co fin de fabricar conservas de peixe (sardiña fundamentalmente) e posteriormente envialas a Francia. Envíanse latas en branco sen denominación de orixe para que poidan pasar por francesas. En Francia ás latas enviadas, póñenselles a identificación da marca francesa sen mencionar a orixe española do produto. As conservas de sardiña en aceite, fabricadas en Galicia, teñen tanta aceptación polos mercados, que os fabricantes das nosas conserveiras decátanse de que teñen que abandonar a dependencia francesa e abrir novos mercados con marca propia. Así, a firma Salvador Massó e Fillos tería comezado a súa traxectoria conserveira xunto cos industriais franceses e a Félix R. Domingo en 1883 creando a sociedade La Perfección, cun capital social de 20.000 pesetas. Agás a sardiña toda a materia prima necesaria para a fabricación, ao igual que o persoal técnico viña de Francia. Massó aporta a sardiña e o lugar de fabricación. As latas envíanse á firma Dargenton e Domingo que as distribúe en Francia e outros países europeos. A firma Massó ten claro desde o principio que a innovación ten que ser unha característica da súa marca, deste xeito sabe que a diversificación en novos produtos e marcas é fundamental se quere medrar como empresa. Así, moi pronto intenta fabricar conservas doutras especies como mexillón e berberecho. Massó ademais cre que a calidade do produto debe verse no interior e no exterior da conserva, de aí que coide ao máximo a presentación exterior do produto, toda en cor, acompañada dunha correcta información no envoltorio para que o cliente saiba o que compra. En 1898 o fundador faleceu e os irmáns Gaspar e Salvador Massó cren que xa poden voar sós e deciden disolver a sociedade cos seus socios franceses. A nova sociedade dedicarase á fabricación de conservas e salgaduras de peixe, compra-venda de fariñas, redes e calquera obxecto necesario para a pesca. O período que abarcou a I Guerra Mundial, foi de gran bonanza económica para moitas empresas españolas. Ao ser España un país neutral, Massó viu favorecido, o que lle permitiu unha gran acumulación de capital. Estes fondos foron investidos noutras empresas de Vigo e comarca; tamén na construción de buques pesqueiros de vapor. Os buques de Massó foron os primeiros en incorporar a caldeira de vapor e o motor de explosión. Durante a Guerra Civil, a sociedade Massó mellorou as súas contas de resultados xa que suministrou unha boa parte da súa produción ao exército do bando nacional", ao igual que fixeron outras empresas alimentarias galegas. Nesta década dos anos 30, Massó tiña na plantilla arredor de 600 mulleres e 100 homes. As mulleres entraban de adolescentes na fábrica como auxiliares das veteranas que facían o traballo. As auxiliares lles daban as tapas dos envases ás maiores
e vían como se facía. Un tempo máis tarde, as mozas realizaban o mesmo traballo baixo a vixilancia daquelas. Era a forma de aprender o oficio. Nestes anos a fábrica de Bueu quedara pequena para a produción da firma e requiríase unha ampliación ou construír unha nova planta. Esta última foi a opción elixida, e en 1937 iníciase a construción da fábrica en Cangas do Morrazo. A fábrica de Cangas ía construírse sobre unha parcela de 20 hectáreas, baixo proxecto do enxeñeiro Tomás Bolívar Sequeiros