Existen diferentes artes de marisqueo e o marisqueo a flote é un deles. O marisqueo a flote lévase a cabo desde unha embarcación e pode ser de tracción manual ou de tracción mecánica. O de tracción manual é de uso exclusivamente manual e utilízase en augas pouco profundas para capturar principalmente berberecho, ameixa ou bivalvos similares. E o de tracción mecánica úsase en augas máis profundas e son remolcados pola embarcación para capturar vieira, zamburiña, volandeira e ostra. As ferramentas utilizadas no marisqueo a flote de tracción manual son o Rastro, rastrillo ou angazo, que posúe un mango de entre oito e nove metros de lonxitude e require bastante esforzo. O mariscador lánzao á auga e logo arrástrao polo fondo mariño para capturar berberechos ou ameixas, entre outro tipo de bivalvos. O Raño ou gancha, empregada para capturar ameixa, reló ou chirla entre outras. Utilízase como o angazo, pero ao ser máis lixeiro non require tanto esforzo. O cope está formado por varillas metálicas. O Rastro de vieira é a ferramenta utilizada no marisqueo a flote de tracción mecánica. Está destinado á captura de vieira, zamburiña, volandeira e ostra. É remolcado pola embarcación arrastrándoo polo fondo, removendo a area cos dentes que posúe e levantando así as especies obxectivo, que quedan retidas no cope. Cando é necesario métese o arte a bordo, retíranselle as capturas e repítese a operación.
En Galicia, o marisqueo organízase mediante os Plans de explotación que elaboran o propio sector marisqueiro por medio das Confrarías de Pescadores ou das Agrupacións de mariscadoras. Estes plans son presentados ante a administración para poder ser validados e ser incluídos no Plan Xeral de Explotación marisqueira que é aprobado anualmente. O marisqueo realízase ao longo de toda a costa galega e onde ten maior importancia e repercusión económica é na ría de Arousa e a ría de Muros-Noia. Concretamente nestas rías, a captura de berberecho representa o 72% do total de toda Galicia. É un sector envellecido e vese evidenciada a falta de relevo xeracional xa que o 51% do total de mariscadoras e mariscadores superan os 50 anos de idade e tan só o 4% está por debaixo dos 30 anos. A Confraría de pescadores de Baiona chámase "La Anunciada" e é unha corporación de dereito público, sen ánimo de lucro que actúa como órgano de consulta e colaboración coa Administración na promoción do sector pesqueiro e representa os intereses económicos e corporativos dos profesionais do sector. O seu ámbito territorial comprende desde a Praia de Abra (Patos) ata as illas Orelludas, incluíndo as illas Estelas e Farallóns. A primeira venda das capturas realízase na Lonxa, mediante subasta. É nesta primeira venda cando se lle pon o prezo de saída ao produto e etiquétase por primeira vez. Na etiqueta ten que especificar a zona de captura, os datos de contacto, nome común e científico da especie, o peso, o método de produción e presentación que especifica se o produto é salvaxe ou de acuicultura, datos do buque e o arte de pesca, data de captura e expedición, marca Pescaderías e código de trazabilidade.
En Galicia hai diferentes formas de conseguir peixe e marisco. O marisqueo é a actividade pola cal se extrae e obtén diferentes especies de marisco. Esta actividade desenvólvese desde hai moitos anos e nalgúns momentos pode chegar a ser moi perigosa, posto que os mariscadores e mariscadoras enfróntanse a zonas de moito oleaxe e, a maioría das veces, moi preto das rochas. Para conseguir o marisco, pódense empregar dúas técnicas coñecidas como arte de pesca a flote e arte de pesca a pé. O marisqueo a flote é o que se leva a cabo desde a embarcación; é dicir, desde o barco ou nave. Dentro desta modalidade, atopamos dúas formas de levalo a cabo. Por unha parte, a manual, onde está prohibido o uso de aparellos mecánicos para o arrastre. Por iso, empregan utensilios como o rastro, para capturar berberechos ou ameixas; o raño e a gancha, que son máis lixeiros, polo que requiren menos esforzo e, finalmente, a forma mecánica. Esta última está autorizada en Galicia para o rastro da vieira, rastro da navalla, enseño remolcado (ameixa) e rastro de camarón. Estas últimas artes empréganse en augas máis profundas e supón que a embarcación remolca os utensilios, dando lugar a un arte mecánico.